InicioCulturaArtesanía, ocio infantil e respecto polo medio: os piares dun proxecto con...

Artesanía, ocio infantil e respecto polo medio: os piares dun proxecto con raíces en Pol

Sara Seijas e Manuel Taboada son as mans e a mente da Chintofanería. Bonecas de trapo e coches de madeira elaborados por eles mesmos gáñanlle espazo aos xoguetes de plástico nas actividades que organizan para os cativos, sempre en contacto coa natureza

PUBLICADA O

- Advertisement -

Un chintófano é un chisme, un chirimbolo, un trebello. Pode ser calquera cousa. Tamén un xoguete infantil feito con la ou con madeira. Esa é a clase de chintófanos que lle dan nome ao proxecto de Sara Seijas e Manuel Taboada, en Pol. Artesanía e animación sociocultural camiñan da man na Chintofanería para ofrecer ás familias unha opción de ocio diferente, baseada no respecto ao medio ambiente e a recuperación da tradición.

Aínda que xa hai cinco ou seis anos que o seu labor profesional vira arredor da artesanía, Sara e Manuel botaron a andar hai nada unha versión renovada daquela primeira idea. Antes dedicábanse en exclusiva a crear monicreques de trapo, coches de madeira, xogos de mesa… que posteriormente vendían nas feiras. Agora que se estrearon na aventura da paternidade, non atopan tanto tempo para iso. “Decidimos darlle unha volta á Chintofanería e outra saída ás nosas creacións. Fixemos as paces coa profesión de animadores socioculturais“, explica.

E é que tanto ela coma el formáronse nesta materia. “Acabamos un pouco queimados da animación que se ofrece hoxe en día por aí”, conta Sara, “colchóns inchables, xoguetes de plástico…, materiais que non son realmente necesarios e que danan o medio“. As grandes empresas buscan entreter os nenos, pero non se preocupan de ir un pouco máis alá. A súa proposta é ben diferente: unha alternativa de lecer que combina pedagoxía, cultura e ecoloxía.

Un dos monicreques que fai Sara Seijas | A Chintofanería

CONTACTO COA NATUREZA

Con esa idea baixo o brazo, organizan obradoiros familiares nos que as crianzas experimentan con xoguetes elaborados a partir de materiais naturais (a madeira ou a la) ou incluso reciclados. Sara e Manuel xa non se desprazan polas feiras para comercializar os seus produtos, pero seguen a confeccionalos se teñen algún encargo. “Os asistentes a eses obradoiros que teñan interese nalgún xogo poden pedírnolo”, sosteñen.

Nesas xornadas de ocio, que prevén realizar unha vez ao mes, está moi presente a relación co medio ambiente. “Para respectar e protexer a natureza hai que coñecela. Se non coñeces algo non o podes amar”, pensan. Por iso, as súas actividades lévanse a cabo nunha casa de Lea (Pol), onde teñen garantido o contacto directo coa terra. E nunca mellor dito, porque esta fin de semana contan meterse de cheo nela: a arxila será o elemento protagonista do obradoiro de xullo.

OS PAIS E NAIS SI, PERO COMO ACOMPAÑANTES

O tempo non lles sobra a esta parella de ‘craftvivistas’, como eles se denominan. No medio de toda esta morea de proxectos, suman outro máis: unha ludoteca ambulante que faga viaxar por Galicia a súa artesanía e as súas actividades. Iso será quizais para o ano que vén, din. Agora andan inmersos na preparación dun campamento en colaboración coa ANPA da Pastoriza.

Sara Seijas, artesá e animadora sociocultural | A Chintofanería

Para eles, a participación dos pais neste tipo de actividades, igual ca nos obradoiros, é básica. “Pero como acompañantes! Non se trata de que lles fagan todo”, precisan. Agardan que sexan máis os colexios ou asociacións que valoren o seu labor e queiran traballar canda eles.

Se cadra desta maneira, ademais de promover unha animación sociocultural respectuosa co medio e coa rapazada, tamén logran inculcar o interese pola artesanía. “Aínda falta moitísima información sobre iso”, quéixase Sara Seijas. “Cando andabamos polas feiras, a xente estrañábase dos prezos porque non comprendía todo o traballo que hai detrás. Nin sequera Idoia Cuesta, que é unha das artesás máis famosas, pode vivir só disto. Hai que buscar algo máis”.

Ese ‘algo máis’ semella estar xa claro na Chintofanería. Non lles fai falta a última novidade de Barbie nin o coche máis recente de Hot Wheels para facerlles pasar un bo anaco ás nenas e nenos. Á fin, moitas bonecas se deixan feito con espigas de millo, non? Disque tiñan ata trenzas!

ÚLTIMAS

Javier Ferreiro, polbeiro: “Trouxemos 20 toneladas de polbo para o San Froilán, case nada que picar”

Do 5 ao 12 de setembro Lugo convértese no lugar de Galicia idóneo para comer, compartir...

Tarxerta verde da UNESCO para o Xeoparque Montañas do Courel

O Xeoparque Montañas do Courel que comprende os concellos de Ribas de Sil, Quiroga e...

O goberno de Lugo celebra o aval xudicial á demolición do Garañón

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, celebrou este mércores que as tres sentenzas que...

Lugo aproba inicialmente o novo plan de emerxencias municipal

O Executivo local aprobou inicialmente o novo plan de emerxencias municipal, un documento aberto...