InicioMovementos sociaisA RAG discutirá a candidatura do meirego Avelino Díaz ás Letras Galegas

A RAG discutirá a candidatura do meirego Avelino Díaz ás Letras Galegas

A Asociación Avelino Díaz recolleu sinaturas ao longo dos últimos meses e acadou un total de 2.421 firmas para apoiar a candidatura do poeta, nado na Órrea (Riotorto) e criado en Meira. Agora é preciso o apoio de tres académicos da RAG

PUBLICADA O

- Advertisement -

Ramón González Rey | Representantes da Asociación Avelino Díaz presentaron hoxe na sede da Real Academia Galega (RAG) unha solicitude para que o poeta do mesmo nome sexa incluído como candidato ao Día das Letras Galegas 2019. A agrupación recolleu sinaturas ao longo dos últimos meses e acadou un total de 2.421 firmas para apoiar a candidatura do vate, nado na Órrea (Riotorto) e criado en Meira.

Aínda que tamén apañou votos fóra dos dous municipios, o colectivo destaca o apoio veciñal á petición, dado que os concellos de Riotorto e Meira teñen en conxunto un total de 2.966 habitantes. Ademais, 51 empresas e entidadesrespaldaron a proposta.

A solicitude que entregou a asociación inclúe dous dossieres que documentan o apoio veciñal á candidatura de Avelino Díaz e tamén unha carta a cada un dos académicos da RAG.

o colectivo evitará “contactos persoais” cos tres académicos esixidos para validar a petición

O regulamento da RAG para elixir aos candidatos recolle que as candidaturas deben ser apoiadas e razoadas por un mínimo de tres académicos. O plenario da institución elixirá ao persoeiro homenaxeado na primeira xuntanza despois do Día das Letras Galegas, celebrado o pasado 17 de maio.

Por mor da experiencia dun par de tentativas anteriores, no 2016 e 2017, a directiva da asociación tomou a decisión de “evitar os contactos persoais” cos académicos para convencelos de que presenten a candidatura de Avelino Díaz. Por iso dirixiron unha misiva a cada un dos membros da RAG, coa intención de que o apoio popular e a obra do poeta falen por si sós e sexan os mellores argumentos para presentar a candidatura.

Paco Veiga, presidente da asociación, lamenta que é “moito máis doado promover para este tipo de recoñecementos a exiliados que a emigrantes que marcharon por necesidade”. E resalta que acadar o Día das Letras Galegas para Avelino Díaz axudaría a dar a coñecer a súa obra. “Axudaríanos a buscar os 851 poemas que el deixou referenciados e que non sabemos onde están”, explica.

VIDA E OBRA

Avelino Díaz naceu en Santa Comba da Órrea no 1897, pero pasou boa parte da súa nenez en Meira. Logo emigrou a Bos Aires, onde exerceu o xornalismo. Na capital arxentina formou parte da Federación de Sociedades Galegas. Publicou catro volumes de poesía e, segundo o colectivo que pretende reivindicar a súa figura, 851 poemas da súa autoría fican inéditos. ‘Debezos’, obra de 1947, está considerado o primeiro poemario en galego da posguerra.

ÚLTIMAS

Dous irmáns lucenses, promesas do piragüismo español

Un día de semana ás 10:00 horas da mañá en pleno verán, Hugo Argiz e...

O pleno municipal aproba esixir á Xunta que garanta o dereito das mulleres a abortar na provincia

O pleno do Concello de Lugo aprobou este venres, co voto a favor de...

Un conductor ferido grave tras caer por un terraplén no Corgo

O condutor dun vehículo resultou ferido de gravidade tras saírse da vía e caer por un...

Doa sangue e levarás gratis unha entrada para o cinema

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Centro Comercial As...