InicioCultura“Tento rehabilitar a Terra de Miranda que perdemos non hai tanto tempo”

“Tento rehabilitar a Terra de Miranda que perdemos non hai tanto tempo”

O estudoso e divulgador lucense Xulio Pardo de Neyra presentará o seu novo traballo durante as II Xornadas da Terra de Miranda de setembro

PUBLICADA O

- Advertisement -

A ubicua curiosidade de Xulio Pardo de Neyra (Lugo, 1968) ten por próximo destino a Terra de Miranda. O profesor de Ciencias da Educación na Universidade da Coruña –doutor en Historia Contemporánea, en Filoloxía Galega, e en Didáctica da Lingua– prepara un estudo sobre territorio e lingua para as xornadas que se celebrarán en Meira os días 7 e 8 de setembro, nas que tamén comparecerá a nosa colaboradora Vanesa Gómez Lourido, de Xornal da Mariña, co documental A Terra de Miranda, mítica e real.

Desta vez, o prolífico investigador lucense pescuda territorio e literatura, achegando fantasía e realidade para rehabilitar o imaxinario colectivo e unificar o sentimento da Terra de Miranda. De fondo, figuras míticas coma a do guerreiro Pedro de Miranda, sentenciado xunto ao mariscal Pardo de Cela, ou a visión de Álvaro Cunqueiro sobre esta comunidade, con elementos que existen malia non seren reais.

Como definiría o seu perfil profesional?

Principalmente, intento comunicar os froitos dunha reflexión. Son unha persoa curiosa por natureza, esculcadora, trato de darlle explicación a todo, a por que se move o universo que teño diante. O que trato é de reflexionar e explicar esa reflexión á que chego. O labor docente hoxe en día é un labor moi comprometido. Hai anos, cando eu comecei, había máis interese e atención, máis curiosidade polo que tes en fronte, polo que unha profesora ou profesor tenta ofrecer.

Hoxe, o sistema universitario tenta unicamente facer un percurso académico-burocrático. Sempre hai persoas que responden e atenden, pero en liñas xerais do que se trata é de ofrecer unha guía docente que a moitos alumnos non lles interesa. Por imperativos legais, e por propia elección. Cando un dá aula, sempre precisa esa vertente de comunicador público.

Xulio Pardo de Neyra

Estamos a falar de tres disciplinas distintas nas que é doutor. A onde quere chegar con esta formación?

Á dimensión humana comunitaria. Somos persoas individuais, seres individualistas, pero formamos parte dunha sociedade. Eses condicionantes, por que desenvolvemos mitos, por que nos comportamos e temos condutas… iso é o que sempre me chamou a atención.

Hai xente coma Ricardo Carvalho Calero que tentaba dar unha explicación dende un punto de vista integralista. Eu non creo na filoloxía coma unha disciplina baleira, que o único que tenta é reproducir e explicar unha lingua e unha literatura coma se fosen compartimentos estancos. A xente que me rodea na filoloxía non ten formación histórica, o cal é terrorífico, por iso se segue a falar de reconquista ou de repoboación. Son termos que nunca existiron e foron superados, porque son falsos.

Esa filoloxía que tenta aproveitar e relacionar o seu cometido coa historia, coa filosofía, é o que máis me interesa. A historia sen literatura non é historia, a filoloxía sen historia non é filoloxía. O noso comportamento comunitario como lingua, como sociedade, como parte dun espazo-tempo definido que tentamos manter ou destruír seguindo compoñentes culturais. A lingua é un percurso histórico.

Árbore xenealóxica dos Fernández Miranda

O percorrido histórico ten un espazo importante nas súas publicacións, na biografía, na literatura, mais tamén hai aspectos de mitoloxía, de sensualidade… como elixe o seguinte eido sobre o que tratar?

Non é moi meditado. Cando abordo unha investigación, é como cando andamos de copas: veña, imos, que aquí xa estivemos. Son unha persoa esculcadora, trato explicar todo dende todas as perspectivas posíbeis. Tento esgotalo na miña cabeza, explotalo, superalo e pasar a outro tema. Teño aficións co teatro infantil, no comportamento e organización do territorio e a comunidade lingüística, na pornografía… Ás veces aparece un documento sobre a literatura infantil galega, ou sobre un trobador. Hai esta necesidade ou aparece algo que chega ás miñas mans.

Agora estou cun estudo sobre Carvalho Calero, sobre A xente da Barreira, sobre a vontade docente e a expansión do pensamento, cun agasallo á súa comunidade. Pouco se fixo sobre esta figura como político, político no bo senso, de que pensa na comunidade e ofrece a súa visión.

Hai un tema recorrente no territorio. Xa lle tocou a súa vez a outro concello lucense, Baralla. Como comezan este tipo de investigacións?

O de Baralla é unha teima persoal, meu avó materno era do que logo se chamou Baralla. Herdei del moita documentación de varias casas da zona, e tentei facer unha historia do concello, da súa realidade toponímica, xeográfica en virtude da división eclesiástica e xuridisciccional, e das casas  e familias que compuxeron a historia. Os trazos que son máis fáciles de seguir son os da xente coñecida, que gobernaba e tiña a sorte de non ter problemas económicos, de pazos e casas grandes.

Escudo de armas de Fernández Velarde, da Terra de Miranda

Agora tocoulle á Terra de Miranda, de donde é o outro avó meu. Tentei neste caso achegarme á Terra de Miranda que existiu no imaxinario colectivo e que hoxe xa non existe. Hoxe está totalmente pervertido polos concellos: falamos de Baralla cando antes se falaba de Neira de Xuxá, e a xente nova di que é da Pontenova, ou de Riotorto, cando iso era a Terra de Miranda.

Tratei de vertebrar historicamente e por que se chamou así á Terra de Miranda; logo, da realidade contemporánea da Terra de Miranda feita por Cunqueiro, que hai de certo nela, que hai de fantasía nesa Terra Brava que Ánxel Fole empregou máis tarde; e xenealoxicamente, a familia Miranda, que tomou o nome da terra, e a súa relación cos mirandas asturianos, cos que non tiñan nada, nin xenealoxicamente nin compartían zona. Tento avaliar o aspecto xeográfico, histórico e comunitario da Terra de Miranda.

Precisamente para reverter a deturpación e mestura do significado orixinal xorde o debate sobre o medio rural organizado en Meira, as Xornadas da Terra de Miranda

Volver a centrar o debate. A Nova Escola Galega, que organiza as xornadas,  ten unha clara conciencia de clase e volve a falar da Terra de Miranda como falaban as xentes de antes, para recuperar un topónimo con referencias literarias terrorificamente importantes, por Cunqueiro precisamente.

Quere rehabilitar ese topónimo de aires literarios e para iso imos contribuír, para pór en valor a Terra de Miranda que perdemos non hai tanto tempo. Pero a información viaxa tan rápido, que parece que estamos a recuperar unha designación xeográfica e comunitaria de hai trescentos anos, mais hai xente que lembra aos seus pais falar dos mirandeses e mirandesas.

Na zona os concellos son organizados en pequenos espazos para sobrevivir de forma máis doada, para derivar os cartos, para dotar a cada concello do que lle corresponde, cando antes varios deses municipios pertencían a un máis grande que os agrupaba. É o caso tamén da Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín, que eran a Terra de Burón; aconteceu con Rábade, un dos concellos máis pequenos do estado español, ou Burela, outro concello parroquial.

Son realidades que levan vinte ou trinta anos e están nun novo imaxinario. Cando se constrúen moitas identidades, téntase diluír ou destruír esa gran realidade que nos identificaba antes. A unión fai a forza en todos os sentidos, e aínda que dúas parroquias se leven máis, conservan un espírito colectivo. Pero se Riotorto e A Pontenova non son o mesmo… é prexudicial para unha cultura tan magoada e puteada como a galega.

Toda a vida existiu a Terra de Cervantes. Hai Ancares leoneses, lucenses… cando en realidade son todo o mesmo. A identidade, por moi pouco que se rasque, é a mesma. Se creamos terras alternativas con nomes diferentes, desfacemos a identidade colectiva, a realidade xeográfica e cultural.

Programa completo das II Xornadas da Terra de Miranda

ÚLTIMAS

A neve e a choiva dificultaron este domingo a circulación nas estradas de 10 concellos de Lugo

A Deputación de Lugo activou este domingo un operativo para facer fronte aos efectos...

A restauración da Capela da Soidade de Lugo terminará en abril e permitirá a saída dos pasos de Semana Santa

As obras de restauración da Capela da Soidade da Venerable Orde Terceira en Lugo...

A neve complica a circulación e corta o paso de camións na A-6 desde Portela de Valcarce a Pedrafita

A neve caída nas últimas horas complica a circulación e corta o paso de...

Cervantes rexistra ata 20 centímetros de neve nunha xornada na que a Deputación despexa as estradas

O Concello de Cervantes foi un dos máis afectados na provincia de Lugo pola...