InicioComarca de MeiraA increíble historia do capador que veu do imperio de Francia

A increíble historia do capador que veu do imperio de Francia

Helena González de Bisagras de Papel propón percorrer o Camiño de Santiago en sentido inverso, ata chegar a Buziet. Esta localidade pola que pasa un dos camiños franceses é o lugar, do que partían cada ano centos de capadores, que traballaban en toda España e Portugal. Unha viaxe polo tempo e o espazo da man dun apelido pouco común.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hai unhas semanas, cando visitaba o Arquivo Histórico Provincial de Lugo topei dun modo totalmente casual, un testamento do ano 1862,  redactado ante notario, nunha casa de Santalla, en Ribeira de Piquín, en Lugo.

O testador era Pedro Vispalia, “hijo de Juan Vispalia y Manuela Méndez Pisón, natural del pueblo de Buzet, tierra conocida de la Baja Navarra correspondiente al departamento de Pau, en los Bajos Pirineos del imperio de Francia”, dicía o documento. Pedro era castrador.

Este era o segundo capador desta orixe, co que daba en pouco tempo.

Uns días antes, atopei tamén dunha forma casual no Arquivo Diocesano de Lugo, a partida de defunción dun home falecido en Monforte de Lemos en 1809, que dixo ser castrador.  E isto nun tempo, en que Galicia loitaba por se desfacer das tropas napoleónicas.

O seu nome completo era Francisco Arrateig, “hijo de Juan Arrateig y Catalina de Gora, vecinos de Santa María de Escote, provincia de Aspa, obispado de Loron, departamento de los Bajos Pirineos”, segundo declarou ás persoas que o asistiron, no seu derradeiro suspiro.

Despois dunha pequena investigación descubrin que ámbolos dous homes procedían do departamento francés, hoxe coñecido como os Pirineos Atlánticos. O primeiro era de Buziet e o segundo de Escot.  Os dous eran bearneses, como a salsa!

Os castradores do Val de Ossau

Esta rexión non só deu ó mundo, a súa coñecida salsa. Tamén foi exportadora durante séculos de castradores, que desempeñaban o seu oficio con habelencia en toda a península. Así que, estes homes que normalmente anunciaban a súa chegada cun chifre, viñan de lonxe.

No libro “Les Crestadous” publicado en 1994 por René Arripe contan moito desta sorprendente historia dos castradores do Val de Ossau, nas terras de España e Portugal. E nos listados, que o autor elaborou con moita paciencia, podemos atopar a varios Bispalie e tamén Arrateig, que traballaron en lugares indeterminados da península.

 

 

As migracións destes profesionais eran estacionais, aínda que algúns acabaron por quedar nos lugares, onde traballaban. Co tempo, adaptaron os seus nomes á fala local e mudaron o seu acento. Espazaron as  súas visitas ós seus lugares de nacemento e ós poucos esqueceron as montañas e vales, de onde tiñan partido.

O derradeiro castrador da Chaira 

Así debeu de ocorrer cos descendentes de Pedro Vispalia, nado Pierre Bispalie, fillo de Jean Bispalie e Jeanne Marie Pissou.  Grazas ó seu testamento, sabemos que o pai de Pierre, castrador de profesión, falece en Meira en 1837.

Pierre herda o oficio e casa cunha local en Xermar, Cospeito. Cando falece lega ó seu fillo Manuel unha egua pinta e á súa filla Josefa unha torda preñada. Aínda que o testamento non o di, é probable que Manuel tamén herdase o oficio, que pasaba de pais a fillos ou de tíos a sobriños. E así ata chegar a Serafín, tataraneto de Jean e bisneto de Pierre.

Serafín, alcumado “O Vispalia” será o derradeiro capador da Chaira lucense. Foi o derradeiro en herdar non  só o oficio senón tamén o monopolio sobre unha ampla zoa, que ía desde Guitiriz a Outeiro de Rei e desde Friol a Terras de Meira.

A historia deste personaxe emblemático está recollida en “Os Vilares, lareira de soños”, escrito por Pas Veres. Ben! Este libro que recolle e preserva a memoria colectiva da parroquia de Os Vilares, en Guitiriz, dedica un pequeno capítulo a Serafín.  Tiña que ser así! Á fin e ó cabo “O Vispalia” era como un trapeiro dos Vilares, só que os seus antepasados viñan de lonxe.

 

 

 

Con todo, nada se fala no libro das raíces bearnesas do “Vispalia”. Conta a autora, que nas conversas que mantivo coa familia de Serafín, algo falaron de Francia. Era algo así como un eco lonxano, que dicía: “Nous sommes hongreurs”.   

Pero, lembraban realmente, que as súas raíces están en Buziet, nun lugar do prepirineo francés que está en no camiño do Piamonte, a só tres etapas de distancia do mítico Saint-Jean-Pied-de-Port? Saberían acaso que Vispalia era a versión deturpada do apelido  Bispalie?

Definitivamente, Vispalia é un apelido exótico. E tamén é máis que probable que as persoas con ese apelido, que hoxe vivan en Galicia teñan algo que ver con ese primeiro Pierre que hai uns 200 anos casou en  Xermar!

[ Do blog Bisagras de Papel ]

 

ÚLTIMAS

XXI Xornadas Técnicas de Seragro: 14 e 15 de novembro

O comité organizador das XXI Xornadas Técnicas de Seragro está xa a traballar na...

Altri sobre a súa planta en Palas: “non emitirá dioxinas nin será prexudicial para a saúde”

Greenfiber, do grupo portugués Altri, defende que a planta de fibras téxtiles que proxecta...

Detido un veciño de Mondoñedo tras romper peches de campos de pasto de gando vacún

A Garda Civil detivo a un veciño da localidade lucense de Mondoñedo tras romper...

Cáritas advirte da existencia dunha “feminización da pobreza” na cidade durante o 2023

Cáritas Diocesana de Lugo alertou este xoves, durante o acto de presentación dos datos recolleitos...