VANESA G. LOURIDO | Meira cumprirá un ano máis coa tradición da Festa da Malla. O verán tardou en chegar e os organizadores temían que o trigo non secase a tempo, pero a vaga de calor dos últimos días asegúralles contar con cereal propio para a celebración do vindeiro domingo 19 de agosto.
“Algúns anos tivemos que mercar parte del, e pensabamos que este podía ser un deses”, comenta Manuel Pardo, presidente da asociación de Amigos da Malla. O colectivo bota o trigo que se malla neste festa popular en terreos – uns 3.000 metros cadrados- cedidos polos veciños da vila. “Segarémolo o venres antes”, anticipan.
A Malla de Meira ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia
A Festa presentouse este mércores nun acto en que os organizadores estiveron acompañados polo alcalde meirego, Antonio de Dios, e mais pola deputada de Cultura, Pilar García Porto, que coincidiron en remarcar o seu valor etnográfico.
O rexedor calcula que a celebración reunirá na vila “unhas 2.500 persoas tanto de Galicia como de fóra” – parte deles veciños da contorna que emigraron e pasan parte das vacacións nas súas casas natais ou visitan aos seus familiares polas festas patronais-.
TRABALLO TRADICIONAL
A vila recrea ese día escenas que se repetían nas eiras da maioría das aldeas do concello e da contorna ata a década dos oitenta –“mesmo ata comezos dos noventa, polo menos nalgunhas da Ribeira de Piquín ou de Riotorto”.
As demostracións reproducen a malla manual “con malles” (o apeiro de madeira co que se batía os cereal para que soltase o gran) pero tamén os procedementos mecanizados que se foron introducindo co tempo desde “a desgranadora con motor” ata a “malladora-limpadora” que se empregou nos últimos anos. “A Campeva, que se facía en Pontedeume” (Talleres Breamo, en Campolongo). “Mallaremos uns 400 mollos (feixes de trigo)” , calculan.
Uns oitenta veciños participan como voluntarios nos traballos da malla e na preparación e reparto da comida
As mallas xuntaban a todos os veciños da aldea polo que, malia o rigor do traballo, xeneraban tamén un ambiente festivo. “Queremos recrear as mallas tal como eran, por iso non pode faltar o bo trato ao visitante. A unha repartiremos buñuelos e viño que era o que se daba en moitas casas. E despois faremos o cocido típico das mallas”, detallou Manuel Pardo.
A música tradicional acompañará durante toda a xornada. Ademais, haberá xogos populares e unha mostra de artesanía e maquinaria antiga.
27 EDICIÓNS
A Festa da Malla chega este ano á súa vixésimo sétima edición. Un logro que superou as expectativas iniciais, e que ten moito que ver co carácter evocador das escenas que se recrean. De feito, o xerme da celebración esta nese apelativo ao recordo.
“Un veciño do pobo comprou un equipo de mallar antigo, gustáballe moito a maquinaria e quería conservar unha. Botara trigo,e púxose a mállalo, el só, pero empezou a chegar de todo o redor”. O son da maquina chamou aos veciños, como facía antano. Ese ruído, entonces funcional, converterase uns poucos anos despois en algo similar a unha melodía emotiva.
A partir de aí, comezou a facerse a malla no centro da vila. Para as primeiras edicións, comprábase o trigo. Despois fixéronse cargo un grupo de cazadores, que a mantiveron moitos anos, ata que se constituíu a asociación”, repasa Manuel Pardo.
A Festa da Malla consolidouse como punto final a uns días de festexos que comezan coa celebración das patronais, Santa María e San Roque, o 15 e o 16 de agosto.