InicioCulturaMeira sega e apaña o trigo para a tradicional Festa da Malla

Meira sega e apaña o trigo para a tradicional Festa da Malla

A XXVII edición desta Festa de Interese Turístico de Galicia, organizada pola asociación Amigos da Malla, celebrarase o domingo 19 de agosto

PUBLICADA O

- Advertisement -

VANESA G. LOURIDO | Meira cumprirá un ano máis coa tradición da Festa da Malla. O verán tardou en chegar e os organizadores temían que o trigo non secase a tempo, pero a vaga de calor dos últimos días  asegúralles contar con cereal propio para a celebración do vindeiro domingo 19 de agosto.

“Algúns anos tivemos que mercar parte del, e pensabamos que este podía ser un deses”, comenta Manuel Pardo, presidente da asociación de Amigos da Malla. O colectivo bota o trigo que se malla neste festa popular  en terreos  – uns 3.000 metros cadrados- cedidos polos veciños da vila.  “Segarémolo o venres antes”,  anticipan.

A Malla de Meira ten o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia

A Festa  presentouse  este mércores nun acto en que os organizadores estiveron acompañados polo alcalde meirego, Antonio de Dios, e mais pola deputada de Cultura, Pilar García Porto, que coincidiron en remarcar o seu valor etnográfico.

O rexedor  calcula que a celebración reunirá na vila “unhas 2.500 persoas tanto de Galicia como de fóra” – parte deles veciños da contorna que emigraron e pasan parte das vacacións nas súas casas natais ou visitan aos seus familiares polas festas patronais-.

 

TRABALLO TRADICIONAL

A  vila recrea ese día escenas que se repetían nas eiras da maioría das aldeas do concello e da contorna ata a década dos oitenta –“mesmo ata comezos dos noventa, polo menos nalgunhas da Ribeira de Piquín ou de Riotorto”.

As demostracións reproducen a malla manual “con malles” (o apeiro de madeira co que se batía os cereal para que soltase o gran) pero tamén os procedementos mecanizados que se foron introducindo co tempo  desde “a desgranadora con motor” ata a “malladora-limpadora”  que se empregou nos últimos anos. “A Campeva, que se facía en Pontedeume” (Talleres Breamo, en Campolongo). “Mallaremos uns 400 mollos (feixes de trigo)” , calculan.

Uns oitenta veciños participan como voluntarios nos traballos da malla e na preparación e reparto da comida

As mallas xuntaban a todos os veciños da aldea polo que, malia o rigor do traballo, xeneraban tamén un ambiente festivo. “Queremos recrear as mallas tal  como eran, por iso non pode faltar o bo trato ao visitante. A unha repartiremos buñuelos e viño que era o que se daba en moitas casas. E despois faremos o cocido típico das mallas”, detallou Manuel Pardo.

A música tradicional acompañará durante toda a xornada. Ademais, haberá xogos populares e unha mostra de artesanía e maquinaria antiga.

Cartaz da XXVII Festa da Malla de Meira | Amigos da Malla
Cartaz da XXVII Festa da Malla de Meira | Amigos da Malla

27 EDICIÓNS

A Festa da Malla chega este ano á súa vixésimo sétima edición. Un logro que superou as expectativas iniciais, e que ten moito que ver co carácter evocador das escenas que se recrean. De feito, o xerme da celebración esta nese apelativo ao recordo.

“Un veciño do pobo comprou un equipo de mallar antigo, gustáballe moito a maquinaria e quería conservar unha. Botara trigo,e púxose a mállalo, el só, pero empezou a chegar de todo o redor”.  O son da maquina chamou aos veciños, como facía antano.  Ese ruído, entonces funcional, converterase uns poucos anos despois en algo similar a unha melodía emotiva.

A partir de aí, comezou  a facerse a malla no centro da vila. Para as primeiras edicións, comprábase o trigo. Despois fixéronse cargo un grupo de cazadores, que a mantiveron moitos anos, ata que se constituíu a asociación”, repasa  Manuel Pardo.

A Festa da Malla consolidouse como punto final a uns días de festexos que comezan coa celebración das patronais, Santa María e San Roque, o 15 e o 16 de agosto.

ÚLTIMAS

Tres detidos tras desmantelar dous puntos de venda de droga en Lugo

A Policía Nacional detivo a semana pasada a tres persoas tras desmantelar dous puntos...

Ferido o condutor dun tractor tras caer por un desnivel nunha zona forestal de Becerreá

Un home resultou ferido este mércores tras unha caída desde un tractor, que acabou...

Ferido un motorista tras chocar contra un coche en Lugo

Un motorista resultou ferido na tarde deste pasado mércores tras chocar contra un coche...

Investigados catro homes por roubar 250 metros de cable telefónico en Quiroga

A Garda Civil de Lugo investiga a catro veciños de Ponteareas como presuntos autores...