InicioEconomíaLugo lidera a caída interanual do paro en Galicia

Lugo lidera a caída interanual do paro en Galicia

Os datos de desemprego de xuño amosan a constancia da economía lucense – O sexto mes foi mellor para Galicia que para o conxunto do Estado

PUBLICADA O

- Advertisement -

O número de parados rexistrados nas oficinas de emprego de Galicia descendeu en 6.631 persoas durante o mes de xuño. Este descenso do 3,75 por cento é superior á media do conxunto do Estado, situada no 2,8 –a menor diminución dende 2011 neste mes–. Lugo foi a segunda provincia galega máis dinámica durante o sexto mes de 2018 e a que liderou a caída interanual do paro na comunidade.

En relación con xuño de 2017 hai en Galicia 19.600 parados menos, o que supón unha reducción do 10,33 por cento. Deste xeito, os galegos e galegas sen emprego suman en total 170.065, segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social.

Observado en perspectiva interanual, isto é, de xuño a xuño, a provincia galega con mellor evolución foi Lugo, pois conseguiu reducir un 12,61 por cento o desemprego. A cifra é superior á de Pontevedra (11,81), Ourense (10,90) e A Coruña (8,11).

Contada dende maio a xuño de 2018, a reducción meirande foi a de Pontevedra, cun 4,83 por cento, ou o que é o mesmo, 3.341 desempregados menos. A continuación Lugo, cun 3,33 (572); A Coruña, cun 3,24 (2.288); e Ourense, co 2,17 por cento (430).

Comparativamente, a diminución do paro en Galicia para o mes de xuño foi a novena máis importante en termos relativos, e a sexta en valores absolutos no conxunto de comunidades de España.

Por sectores, o emprego galego mellorou a súa perspectiva en todos os eidos no mes de xuño. O rexistro favorece especialmente aos servizos, que concentran o groso da caída, con 4.682 parados menos, ou o que é o mesmo, dous de cada tres. O resto provén da construcción, que reduciu o desemprego en 702 persoas, a industria, con 573, e o agro, con 238 persoas menos no rexistro.

Por tipo de contratación, salienta a mellora nos indefinidos: 95.387 acordos foron temporais (+8,45 % mensual e -1,05 % interanual) e 8.283 indefinidos (+0,57 e +14,8). Distribuído por provincias, asináronse un 18,05 por cento máis de contratos en Ourense, un 10,39 máis na Coruña, un 7,45 máis en Lugo, e un 3,82 por cento máis de contratos en Pontevedra.

ÚLTIMAS

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...

Detido un home en Lugo por presunta agresión á súa nai

A Policía de Lugo detivo este xoves a un home, residente da rúa Tino...

A causa contra o loteiro de Lugo investigado por falsear un atraco, sen caso

A Fiscalía pediu o sobresemento provisional da causa aberta ao loteiro de Lugo acusado de simular...

Avogados piden unha xustiza máis próxima para as mulleres vítimas de violencia de xénero

Máis de 150 profesionais do ámbito xurídico e da igualdade déronse cita en Lugo...