InicioMedioambiente e PatrimonioRecuperando a historia da Federación de Guerrillas León-Galicia

Recuperando a historia da Federación de Guerrillas León-Galicia

Alejandro Rodríguez investiga e participa dos traballos arqueolóxicos de Sputnik Labrego acerca das singulares guerrillas do noroeste

PUBLICADA O

- Advertisement -

Natural de Ponferrada e formado en Santiago de Compostela, Alejando Rodríguez (1984) prepara o seu doutorando cunha investigación sobre a Federación de Guerrillas de León-Galicia, activa na década dos corenta no Bierzo, en Ourense e Lugo, e precursora do Exército Guerrilleiro de Galiza.

Asemade, este berciano colabora coa campaña arqueolóxica Cidade Da Selva, na vila ourensá de Carballeda de Valdeorras. Estes traballos canda ao equipo de Sputnik Labrego procuran patrimonializar os lugares a ámbolos lados da Montaña lucense nos que a resitencia combateu á ditadura franquista.

Cando comeza o teu interese nas guerrillas, e por que decides que ese será o tema da túa tese?

Vén todo dende que era cativo. Xeroume moita curiosidade que aquí en Ponferrada había pintadas que dicían Girón vive!, Girón lucha por tu libertad. Co paso dos anos entendín de onde viña todo aquilo, que tiña relación coa loita guerrilleira e a resistencia nos montes trala Guerra Civil. O  de estudar Historia foi algo que sempre me gustou, e funme orientando cara este tema, unha historia máis ou menos descoñecida a pesar de que hai moitísimas aportacións dende diversos puntos de vista. Penso que aínda hai moito máis por coñecer.

Que ten de particular a Federación galaico-leonesa? Que distinguiu a esta zona de combate do resto da Península?

Hai unha concepción totalmente diferente dende o punto de vista internacional. Hai que entender que a Federación é un concepto de resistencia frente ao fascismo, concepeto que en Francia, Italia, Bélxica e outros países se concibe a partir das invasións e a resistencia interna, algo moi vencellado ao desenvolvemento da Segunda Guerra Mundial.

A Federación de Guerrillas de León-Galicia ten ese mesmo senso, é unha organización totalmente unitaria, na que está prohibida a propaganda partidista, todos procuran a fin común que é loitar contra o fascismo. A partir da primeira metade da década dos corenta, no resto do Estado comeza a desenvolverse outro tipo de loita, totalmente dirixida e artellada polo Partido Comunista. Esa diferenza non se traballou aínda coa profundidade que require, sobre todo pola importancia que tivo a Federación.

Campaña arqueolóxica Cidade Da Selva, en Carballeda de Valdeorras, onde as guerrillas contruíron tres chozos | Cedida
Campaña arqueolóxica Cidade Da Selva, en Carballeda de Valdeorras, onde as guerrillas contruíron tres chozos | Cedida

Influíu nesta diferenza xeográfica o desenvolvemento da Guerra Civil?

En boa parte do noroeste, en Galicia, no Bierzo, a guerra non existe. O que existe é o triunfo do golpe de estado, a partir do vinte, vinte e poucos de xullo de 1936; e a caída do Frente Norte en outubro de 1937, moi cedo se temos en conta que a guerra oficiosamente remata en abril de 1939.

Ten unha importancia clave, que é a formación das bolsas e grupos de fuxidos que, co paso do tempo, vanse estruturando dende un lugar concreto, como son os montes de Casaio [en Carballeda de Valdeorras].

Que composición tiñan estes grupos, e como operaban? Como era o seu compoñente entre a poboación local?

Esa organización nace despois de varios pasos que conflúen entre decembro de 1939 e xullo de 1940. Nos montes de Casaio coinciden tres grupos bastante definidos.

A xente de Valdeorras e a zona do Bolo, fuxidos que non participaron na guerra e non chegaron a Asturias, pero que teñen un compoñente político claro, nalgúns casos foron concelleiros nas corporacións municipais de 1936. Cando triunfa o golpe, bótanse ao monte para sobrevivir.

Meses despois da caída da fronte chegan os primeiros grupos de milicianos que participaran da Fronte Norte, tanto do Bierzo como de Valdeorras. Van xuntándose e mesturándose para formar diferentes grupos.

E entre decembro de 1939 e xullo de 1940, prodúcese a chegada de dous grupos asturianos para unirse a esta confluencia, dende a militancia de base á estrutura militar, dando idea á Federación de Guerrillas de León-Galicia.

Cal foi a clave de que fosen tan duradeiras estas guerrillas, alén da Segunda Guerra Mundial?

A clave, dende o meu parecer, é a represión, que marca claramente a estes grupos. Non teñen a posibilidade de reintegrarse despois de participar na Fronte Popular ou no Exército da República, non poden volver ás casas ou traballar. A represión segue a ser bestial e desproporcionada, acaba coa vida de decenas de miles de persoas, e esta xente non pode entregarse, porque o seu destino sería a morte ou decenas de anos na cadea. O xeito de evasión e subsistencia é escapar ao monte. É unha pauta común, a defensa dende a base do social, resistir e agardar no monte.

Cal foi o impacto real, a distorsión que xeraron no réxime franquista?

A influencia real hai que trazala dende tres puntos de vista. Dende o punto de vista da violencia, o perigo é real: a través do traballo da tese atopo que a Federación creada en 1942 sobrevive, resiste, pero tamén comete actos de violencia contra xente vencellada á represión exercida contra a Fronte Popular.

No económico tiveron moita máis influencia. Cometían atracos, o que eles chamaban multas, contra persoas estudadas polas redes de enlaces; xente vencellada ao réxime que podía ter recursos económicos. A cantidade de diñeiro que recadaron é algo que aínda descoñezo, pero hai casos recorrentes e sabemos contra quen ían dirixidos os atracos e canto podían levar en cada un.

Dende o punto de vista social, a mera existencia destes grupos, e que a poboación civil e o réxime tiveses coñecemento de que había aínda xente loitando no monte, era fundamental. Era fundamental porque demostraba que a guerra non terminara, que a Guerra Civil non era un fito illado da Segunda Guerra Mundial e que continuaría latente durante a Guerra Fría. Para eles era fundamental que se coñecera e se seguira falando da loita, por máis que o franquismo gañara a guerra e supostamente houbese paz.

En que circunstancias comezan a desintegrarse estas guerrillas?

Na historiografía sempre se falou de que foi o Partido Comunista o que dá a orde de retirada  a partir de 1949. Dende o meu punto de vista non é así, e se é así non tivo a repercusión que se lle deu. A fin da loita guerrilleira está relacionada con dous aspectos: por unha banda, a realidade palpable de que os Aliados, de quenes dependía o triunfo destes grupos, non van intervir en España. O paso dos anos e os recoñecementos internacionais á ditadura son clave para entendelo.

Por outra banda, hai un segundo punto que é central. A represión da ditadura é brutal e verdadeiramente acaba con estes grupos. As mortes no enfrontamento armado, as detencións e fusilamento de quenes escaparan ao monte, son as razóns que explican esa fin.

Que magnitude de efectivos podía desplegar a Federación?

É algo complicado de determinar. O intre de maior desenvolvemento coincide coa creación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Algúns guerrilleiros dese exército formaran parte das estruturas da Federación, que como organización militar estaban divididos en tres agrupacións naquel momento: as correspondentes á comarca do Bierzo, á provincia de Ourense, e a terceira á provincia de Lugo e parte da Coruña.

Cada agrupación calcúlase que contaba con catro guerrillas; en cada sector había corenta ou cincuenta guerrilleiros, polo tanto, entre 120 e 150 efectivos reais.

Cal é a situación da Memoria Histórica no estudo das guerrillas no noroeste?

Ao igual que o estudo da represión que sucede tralo golpe de Estado, todo ese proceso de desaparicións forzadas e asasinatos indiscriminados e paralegais de despois de xullo de 1936, o estudo das guerrillas está no mesmo punto. Falamos de iniciativas privadas, de asociacións e familiares que procuran e tentan recobrar os restos e lugares, recobrar os corpos e as evidencias físicas. É algo que está por traballar, e dende as institucións queda moitísimo por traballar, sempre a administración vai un paso por detrás da realidade social.

Na recuperación dos lugares, a arqueoloxía en comunidade realiza traballos moi interesantes, coma é o caso de Repil, a aldea preto de Chavaga, na Pobra do Brollón. Estase recuperando unha casa na que houbo un importante combate a través de Xurxo Ayán e todo o seu grupo de traballo.

Tamén estivemos nós traballando no monte de Casaio, nos montes que coñecían como a Cidade da Selva. Excavamos tres chozos diferentes nun lugar permanente que empregaron como vivenda durante varios anos. Falamos de investigadores que pola súa conta buscan enfocar o seu traballo cara estes lugares, pero que dependen das comunidades locais.

Tanto en Repil como en Casaio é fundamental esta aportación, sen eles non sería posible, polo coñecemento e lembranza que teñen desdes lugares, e pola achega económica sen a cal os proxectos non serían viables, ou abranguerían cuestións moito máis sinxelas que as que tentamos revalorizar.

Practicamente dende o local, co paso do tempo e o desenvolvemento dos traballos vemos como o podemos enfocar cara a administración, para crear plans de investigación e preservación, para coñecer todo este proceso que forma parte da nosa historia máis recente.

 

ÚLTIMAS

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...