InicioSociedadeUnha radio lucense na metrópole barcelonesa

Unha radio lucense na metrópole barcelonesa

Coñecín a Armando Fernández e a Xulio Couxil cando comecei a miña andaina como autónomo hai uns meses. O primeiro deles contactoume para facerme unha entrevista sobre o turismo de Lugo, e posteriormente conversei con eles na famosa Radio Sant Boi. Unha radio lucense na metrópole barcelonesa

PUBLICADA O

- Advertisement -

Dende entón, quedei namorado do proxecto radiofónico destes dous orgullosos galegos e lucenses (sobre todo Armando, nacido en Navia) que son nada menos que uns dos máis antigos —por non dicir directamente os máis antigos— locutores en galego da radio catalá.

Máis de corenta anos ás súas costas os avalan, e agora, xa entrados na setentena,  seguen presumindo de galeguidade nas ondas dunha das cidades do mundo.

Consciente do meu privilexio de telos coñecido, de ter colaborado, e de seguir colaborando con eles, apetecíame compartir dende o Lugo Xornal unha conversa natural e espontánea con estes dous baluartes da nosa cultura.

GUIDO: Armando, fálame un pouco da túa historia na radio catalá. Como comezaches a túa aventura e por que?

ARMANDO: Dise que fun un dos primeiros que comecei a falar galego nas ondas en Barcelona aló polo ano 1983. Comecei da man de Roberto Castro (do Incio, Lugo) e despois con Paquita Álvarez (do Corgo, Lugo). Facía as miñas colaboracións con outras radios que emitían en galego, en Santa Coloma ou en Cornellà e Sant Boi. Dende o 2012 teño o pracer de participar nesta andaina galega con Xulio en Radio Sant Boi. Facemos dous programas de radio en dúas emisoras distintas. En Radio Sant Boi (Galegos no Baix)  os xoves de catro a seis da tarde, e en Radio Cornellà os sábados de seis a oito do serán. Ambos os dous en lingua galega, tanto a musica como os contidos. Todo en galego.

G: Xulio, como foi no teu caso?

XULIO: Nos anos 80 tiñamos unha emisión en “Radio Nou Barris” que chamabamos “Saudade”, como a Entidade que nos patrocinaba. Despois, no 1986 participei, xunto con  Manuel Rodríguez Julián e Henrique Fernández Mon Sánchez, na posta en marcha do “Sempre en Galicia”… e puxemos a andar en 1995 este “Galegos no BAIX” de Radio Sant Boi. Tivemos un pequeno parón e retomamos este programa no 2012, xunto con Armando. Esta experiencia é moi engaiolante.

Unha longa aventura lucense e galega na radio catalana. Xulio Couxil e Armando Fernández en Radio Sant Boi
Unha longa aventura lucense e galega na radio catalá. Xulio Couxil e Armando Fernández en Radio Sant Boi

G: Armando, fálame un pouco da túa Navia, da túa infancia, dos teus recordos…

A: Son Armando Fernández López, nacido e Liñares de Queizán, a Proba de Suarna (Lugo). Fun un neno feliz na miña aldea, á que eu lle chamo a terra da Carqueixa. Fun neno feliz de aldea onde me sentía libre e tamén  fun á escola de mestras e mestres de ferrado… despois da escola axudaba nos labores miúdos do agro. Iso é o que ten ser fillo de labregos. Os Ancares é unha terra chea de agarimo e  vales fondos, onde se poden distinguir ata oito cores, onde o tempo pasa engorde, para poder ollar tantas cores e ventiño que respiras sendo o primeiro que non respirou ninguén.

A Proba conta cun castelo, unha ponte Romana e un río troiteiro a onde foron persoeiros a practicar a pesca. O río Navia é un río famoso, que morre no mar Cantábrico… A Proba de Suarna foi noutros tempos unha gran puxanza de viñedos e adegueiros. Na pequena aldea de Coea aínda se conservan algúns, pero por mor da despoboación isto foi esmorecendo como moitas outras cousas… Cando nunha aldea sae fume pola cheminea é que hai vida… Se non sae, é que está pechado.

G: Xulio, sei que es de Ourense e encantaríame preguntarche pola túa terra… pero como esta entrevista é para o Lugo Xornal, teño que exercer o lucensismo… Que significa Lugo para ti? Cales son as túas lembranzas e vínculos coa cidade e coa provincia de Lugo?

X: Claro que son de Ourense…, galego ao fin e ao cabo. Que significa Lugo para min? Pois unha provincia da que temos que sentirnos moi orgullosos e gabarnos da súa xente e do seu patrimonio. Como cidade coido que ten unha das xoias arquitectónicas romanas máis importantes de Europa, entre outras cousas… Pero que che vou dicir eu a ti que traballas ensinándolla aos teus visitantes? As miñas lembranzas e vínculos están relacionadas coas visitas persoais que fixen de mozo, acudindo a algunhas festas, especialmente ao San Froilán. Despois, cando me establecín en Barcelona, tan só aproveitaba a ocasión para acompañar a meu pai a algunha “paparota” que argallaba cando ía  visitalos, no verán, na Semana Santa ou no Nadal.

Os meus vínculos coa cidade de Lugo están relacionados coa miña formación académica, cando estaba na universidade, facendo algunha que outra xuntanza de amigos e coñecidos para visitar a persoeiros de relevancia, como  Ánxel Fole e outros…

Xulio Couxil e Armando Fernández en Radio Cornellà
Xulio Couxil e Armando Fernández en Radio Cornellà

G: Esta para ambos: como se vive a galeguidade e a morriña na diáspora? Eu vivino 4 anos en varios países, e teño moito que contar… Imaxino que vós moito máis. E por último: que significa ser galego en Barcelona? Unha aperta xigante para os dous e grazas por terme aberto as portas do voso mundo.

A: Ser galego sigo sendo… un máis… como un nativo digo: somos os galegos do Mediterráneo, son mudado de domicilio, non me sinto emigrante, para min ser galego en Barcelona é algo moi emotivo, por sermos xente responsable, traballadora, e serios… Case nos sentimos como na nosa terra, ao sermos tantos e levar tantos anos… Aquí un setenta por cento da hostelería é galega, por iso algo disto é galego. Despois están os centros, asociacións culturais onde se fomenta tamén a nosa cultura e tradicións… Igual ca en programas de radio de distintas emisoras. Por iso a morriña vivímola ben.

X: A miña galeguidade é a miña forma de ser alí onde me atopo. Non fago moita diferencia, procuro adaptarme ao lugar onde estou. Tal e como me ensinaron os meus antergos rememorando aquel refrán: “Na terra dos lobos ouvea coma eles”. Nunca me sentín marxinado. Exerzo de galego e respecto a cultura na que me atopo, procuro aprender dela. Síntome valorado no que fago e procuro amosar todo aquilo que me parece importante para que coñeza todo o máximo posible a nosa cultura.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...