InicioPolíticaA Xunta asegura ser a única administración en asumir danos por lumes...

A Xunta asegura ser a única administración en asumir danos por lumes en Lugo

O executivo autonómico denuncia que tanto Deputación como goberno central incumpren coas axudas acordadas pola vaga de incendios de 2017

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta pon a súa parte para compensar aos lucenses polos danos da vaga de lumes de outubro de 2017, e o resto de administracións non. Esa é a tese que defendeu este luns José Manuel Balseiro, delegado territorial do executivo autonómico en Lugo, durante a visita á reconstrucción dunha vivenda do lugar de Pando, no Cereixedo (Cervantes). Balseiro asegurou que só a Xunta está a cumprir cos compromisos acadados no pleno da Deputación e na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Os traballos neste inmoble, o único afectado da provincia de Lugo e que resultara completamente calcinado, contan co apoio financeiro da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que concedeu ao propietario unha achega de case 102.000 euros para financiar a reconstrucción e compensar a perda do enxoval. A subvención forma parte dun paquete de medidas aprobadas pola Xunta de Galicia naquel mes de outubro, logo de coñecerse os danos ocasionados polos lumes.

Segundo especificou o delegado territorial, o propietario recibira un anticipo de arredor de 25.000 euros, correspondentes ao 25 por cento do total da subvención concedida, isto é, a contía máxima permitida legalmente. O resto dos pagos, ata completar a axuda, efectuaranse durante as anualidades 2018 e 2019, logo da correspondente xustificación de gastos.

Esta achega acada o límite máximo permitido, pois a vivenda destruída polas lapas constituía a residencia permanente e habitual do seu morador, e inclúe gastos correspondentes á reposición das instalacións complementarias e anexas ao inmoble. Así mesmo, a Xunta cubriu o aloxamento provisional desta persoa afectada polos lumes, colaborando nas mensualidades de aluguer ata que remate a reconstrucción.

Por outra banda, Balseiro adiantou que a Xunta está a piques de tramitar convenios cos sete concellos lucenses que comunicaron danos en infraestruturas locais. En concreto, son os de Castro de Rei, Cervantes, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pantón, Samos e Triacastela. Neste caso, o ente galego financiará a metade dos danos declarados.

O executivo autonómico realizou xa a petición de información correspondente e está pendente da sinatura formal dos convenios con cada concello. Con todo, en declaracións do delegado territorial, neste momento só a Xunta está en disposición de achegar a súa parte, correspondente á metade das reparacións. Nin a Deputación de Lugo, nin o goberno central, aportaron aínda 50 por cento restante, a pesar do seu compromiso.

Balseiro dixo amosarse “sorprendido polo silencio dalgúns alcaldes, outrora moi belixerantes contra a Xunta, e hoxe calados ante a falta de compromiso da administración provincial e central” cos afectados polos lumes. Dixo agardar “que estas administracións cumpran a súa palabra”, xa que existe un acordo tanto na Fegamp como na Deputación de Lugo que lles obriga a financiar o 50 por cento restante.

ÚLTIMAS

Brendan Shine, un inglés do Corgo que presenta o seu primeiro libro

Brendan Shine é un músico, cantante e deportista que leva anos asentado no Corgo...

Enagás volverá presentar o hidroducto a Guitiriz a axudas europeas

Enagás reitera que o hidroducto Guitiriz-Zamora, que quedou fóra da lista de proxectos de interese...

O sector da limpeza en Lugo critica a petición de adiamento da patronal para decidir se acepta a mediación

Traballadores do sector da limpeza en Lugo criticaron "unha nova mostra do "absoluto desinterese"...

Lugo ten o billete sinxelo de bus máis barato (0,64) fronte ao máis caro, en Barcelona (2,4) , segundo Facua

O billete univiaxe ou sinxelo de bus urbano costa de media 1,25 euros en...