InicioMedioambiente e PatrimonioDous novos achados elevan a 80 as mámoas documentadas nos Ancares

Dous novos achados elevan a 80 as mámoas documentadas nos Ancares

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron dúas mámoas en Becerreá, no Monte do Marco, unha delas afectada pola repoboación de piñeiros

PUBLICADA O

- Advertisement -

Xabier Moure en Historia de Galicia

O día 6 de outubro de 2018, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron dúas novas mámoas no concello de Becerreá. Foi no Monte do Marco, parroquia de Fontarón, a 965 metros de altitude sobre o nivel do mar. As mámoas sitúanse a unha distancia de 225 metros.

A primeira mámoa ten unhas medidas de 12 metros de diámetro e unha altura de un metro. Sobre o túmulo vense unhas grandes pedras que poderían formar parte da cámara megalítica (dolmen). Foi afectada polas repoboacións forestais con piñeiros que se efectuaron no lugar nos anos setenta do pasado século, perdendo boa parte da masa tumular.

A segunda mámoa é de considerables dimensións, unha das máis grandes aparecidas ata o momento no concello. Ten un diámetro de 21 metros e unha altura de 1,50 metros. Aínda que sobre ela ten plantados uns vinte piñeiros, apréciase perfectamente. Sobre o túmulo vese gran cantidade de pedras de cuarzo e lousa que sen dúbida formarían parte da coiraza pétrea (a coiraza é unha estrutura en pedra que envolvía a mámoa, tanto para protexela da erosión como para facela visible na paisaxe).

Mámoas violadas

As dúas mámoas presentan cráter de violación duns 2 metros cada unha. Estes cráteres ou conos facíanse no centro da mámoa para acceder ao interior para buscar os tesouros cos que supostamente enterraban aos mortos.

Con estas dúas novas descubertas, o concello de Becerreá conta con 11 enterramentos do Neolítico, período da prehistoria que se desenvolveu en Galicia entre o 5000 e o 2500 antes de Cristo.

Nos seis concellos comarca dos Ancares lévanse documentado preto de 80 mámoas, sendo o de Navia de Suarna, con 42, quen posúe un número maior. Séguenlle a moita distancia os de Becerreá e Cervantes. Os achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

ÚLTIMAS

Incendio nunha empresa de colchóns de Palas de Rei mobiliza un amplo operativo de emerxencias

Os servizos de emerxencias traballan na extinción dun incendio iniciado no exterior do recinto...

A Xunta só dá 10 días para consultar o expediente de Altri a 75 persoas interesadas

A Consellería de Economía e Industria recoñeceu a 75 persoas como interesadas no proxecto...

O PP lucense esixen a Tomé unha repartición “igualitaria” dos convenios da Deputación

Alcaldes e concelleiros do Partido Popular dos 67 concellos lucenses concentráronse este venres ante...

Dous detidos por estafar máis de 30.000 a unha empresa de Lugo

A Garda Civil de Lugo identificou a dous veciños de Cataluña que supostamente estafaron...