A economía dos fogares da Montaña e do sur de Lugo susténtase nas pensións

Un estudo do Instituto Galego de Estatística revela que a principal fonte de ingresos de máis do 50% dos fogares do sueste da provincia proveñen de prestacións (pensións e desemprego). Na Mariña e no Lugo central teñen maior incidencia os fogares con persoas asalariadas. A nosa provincia e mais a de Ourense presentan claras diferenzas con Pontevedra e A Coruña.

Incidencia dos fogares con persoas asalariadas sobre o total de fogares por áreas (2018) | IGE

A principal fonte de ingresos de máis do 50% dos fogares do sur e do leste da provincia de Lugo son as prestacións (pensións contributivas e non contributivas ou ben prestacións por desemprego). É dicir, o peso dos salarios nestes fogares non supón nin a metade da totalidade familiar de ingresos. As comarcas da Montaña e da zona sur da provincia, canda o suroeste de Ourense, destacan neste aspecto sobre o resto de Galicia.

Así se extrae dun informe publicado este 28 de febreiro polo Instituto Galego de Estatística, que dá a coñecer os resultados dun estudo sobre os salarios galegos dende a perspectiva dos fogares para o ano 2018. A análise realizouse en base á información que anualmente proporciona a Enquisa estrutural a fogares.

No estudo tratou de aclararse a procedencia dos ingresos dos fogares galegos para discernir que porcentaxe deriva dos salarios fronte a aqueloutra que provén do traballo por conta propia ou das prestacións. Así, para o caso de Lugo, establécese unha clara diferenza entre as comarcas do Lugo central e A Mariña en contraposición co sueste da provincia.

Nas dúas primeiras hai unha maior incidencia de fogares con persoas asalariadas sobre o total de fogares: un 57’34% e un 54’61%, respectivamente. Mentres, no sur de Lugo, só o 45’41% de fogares contan con algún membro que perciba ingresos de traballo por conta allea. No Lugo máis oriental, a porcentaxe incluso é menor, dun 43’68%. Neste fenómeno pode ter moito que ver o avellentamento da poboación, que revela unha clara dependencia das pensións na economía da maioría dos fogares da zona.

EVOLUCIÓN EN GALICIA

Os salarios foron perdendo peso e as prestacións vanse convertendo en cada vez máis indispensables. Esa é unha tendencia que se foi reforzando en toda Galicia durante a última década. No 2007, a principal fonte de ingresos de máis do 49% dos fogares galegos eran os salarios, fronte a un 37% que se sustentaba nas prestacións. Chegados ao ano 2018, as porcentaxes foron igualándose, en detrimento da relevancia dos salarios: agora só algo máis do 45% de fogares teñen a súa fonte principal de ingresos nos salarios, e as prestacións gañaron influencia (41’81%).

Se ben esta evolución foi común a toda a comunidade galega, Lugo e Ourense son as provincias nas que se acentuou máis. Pola contra, en Pontevedra e A Coruña, a porcentaxe de fogares con persoas asalariadas e con maior peso deste tipo de ingresos é superior á porcentaxe de fogares cuxa economía se sustenta grazas aos ingresos por traballo por conta propia ou ás prestacións.

1 COMENTARIO

  1. Depois de mais de 40 anos de governos PPSOE, umha grande parte dos fogares galegos seguem na miséria. Que passa nos miolos dos galegos? Que entregam o pau de maçar o polvo aos seus verdugos. Será que tenhem um verme nos cérebro que lhe impedem ver cales som os seus interesses e que emigrar e andar a esmola polo mundo nom a soluçom.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here