InicioA UlloaPalas de ReiPalas de Rei será onde Altri edifique a súa fábrica de fibras...

Palas de Rei será onde Altri edifique a súa fábrica de fibras téxtiles e espera crear case 2.500 empregos

A construción da planta arrincará, segundo adiantou Feijóo, a "finais deste ano" para que "en dous anos ou dous anos e medio" poida empezar a producir fibras téxtiles.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A compañía portuguesa Altri decidiu que instalará no municipio de Palas de Rei a primeira fábrica de fibras téxtiles de España, e segunda de Europa, coa que prevé captar fondos europeos ‘Next Generation’ e crear uns 2.500 empregos directos e indirectos.

Así o avanzou o CEO da empresa, José Soares de Pina, nunha comparecencia conxunta co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tras manter unha reunión nas dependencias da Administración autonómica en San Caetano, en Santiago de Compostela.

Este proxecto “estratéxico” para Galicia, tal e como o definiu Soares de Pina, e cun investimento de 800 millóns de euros arrincará a súa construción a finais deste mesmo 2023 nunha localización “específica” en Palas de Rei que non será o polígono debido ás “súas dimensións”, concretou posteriormente.

A elección deste municipio por encima de “máis de 40 localizacións” alternativas ofrece a Altri unha “tranquilidade” polas súas características en materia de orografía, tipo de chan, recursos hídricos dispoñibles, materias primas, infraestruturas e dispoñibilidade de fontes de enerxía, segundo explicou o CEO da empresa portuguesa.

O presidente da Xunta, pola súa banda, situou un horizonte de “dous anos ou dous anos e medio” para que esta planta empece a producir fibras téxtiles a partir da madeira. Trátase dun proxecto que “desde o principio” o seu Goberno priorizou na súa candidatura aos fondos europeos, dado que ten unha “gran transcendencia” no ámbito forestal, no que precisamente a galega é “unha das dez rexións europeas con maior potencial”.

FONDOS ‘NEXT GENERATION’

A planta requirirá un investimento de máis de 800 millóns de euros, aínda que prevé captar financiamento do programa ‘Next Generation’. O CEO de Altri, a preguntas dos medios, mostrou a súa confianza en acceder a estas contías porque “é difícil” que o proxecto “non estea aliñado cos criterios” asentados pola Unión Europea.

O presidente da Xunta, pola súa banda, lembrou que se trata dunha noticia “desexada e traballada” desde hai moito tempo e fixo fincapé na necesidade de pechar este proxecto para que sexa adxudicatario de fondos europeos: “Necesitamos o Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos, de acordo co regulamento dos mesmos”.

En palabras de Feijóo, esta planta “transcende, con moito”, á propia provincia de Lugo, a Galicia e a España, dado que será “a única” fábrica de fibras téxtiles do Estado e a segunda de Europa.

“É un proxecto europeo, non só galego e español”, recalcou, para prometer que o Goberno galego traballará con Altri para impulsar tanto a candidatura aos ‘Next Generation’ como os trámites urbanísticos “e outros que solicite o Concello de Palas de Rei” para pór en marcha a planta.

SOCIEDADE IMPULSA

Non en balde, lembrou como durante a pandemia a Xunta constituíu unha comisión de expertos para “diagnosticar” a economía galega e identificar proxectos que puidesen acelerar a recuperación poscovid. Desta comisión, precisamente, saíu a proposta de crear a sociedade público-privada Impulsa Galicia –á que Soares de Pina agradeceu pola súa colaboración–, unha entidade que botou a andar en abril de 2021 con capital da Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%).

MADEIRA DE “CRECEMENTO RÁPIDO”

Preguntado polos medios achega do impacto ambiental que terá a produción de fibras téxtiles, Feijóo descartou que se vaia empregar madeira de bosques autóctonos, senón que será a partir de especies de “crecemento rápido”.

“Esa fábrica estará moi próxima a grandes plantacións de hectáreas de eucalipto na zona norte da Coruña e Lugo, e por tanto o que é a provisión de madeira está absolutamente asegurada”, respondeu.

Ademais, o CEO de Altri confirmou que a fábrica “vai producir a súa propia enerxía”, aínda que abriu a porta a solucionar calquera eventual problema de subministración a través dun acordo PPA –contrato de venda de enerxía–.

ÚLTIMAS

Tres detidos tras desmantelar dous puntos de venda de droga en Lugo

A Policía Nacional detivo a semana pasada a tres persoas tras desmantelar dous puntos...

Ferido o condutor dun tractor tras caer por un desnivel nunha zona forestal de Becerreá

Un home resultou ferido este mércores tras unha caída desde un tractor, que acabou...

Ferido un motorista tras chocar contra un coche en Lugo

Un motorista resultou ferido na tarde deste pasado mércores tras chocar contra un coche...

Investigados catro homes por roubar 250 metros de cable telefónico en Quiroga

A Garda Civil de Lugo investiga a catro veciños de Ponteareas como presuntos autores...