
O Instituto Geográfico Nacional (IGN) poñía fin, hai uns meses, ao vello debate respecto de onde se sitúa o epicentro de Galicia. Nin Lalín, nin Chantada. Un informe técnico concluía que o verdadeiro centro xeográfico deste país se atopa na aldea de Nugallás (San Fiz de Amarante – Antas de Ulla). Dita noticia fora recibida con gusto polos integrantes do Instituto de Estudos Ulloáns (IEU), que agora veñen de solicitar á Xunta de Galicia a declaración deste punto como Ben de Interese Cultural.
O colectivo trasladou a solicitude ao Goberno autonómico neste luns 24 de febreiro, ao tempo que pedía a intervención neste enclave por parte do Concello de Antas de Ulla e da Deputación. Para o IEU, este recoñecemento había axudar aínda máis a poñer en valor a riqueza das carballeiras da contorna.
De feito, fora esta asociación a que instara ao IGN a levar a cabo tal investigación para determinar o punto exacto do Centro Xeográfico de Galicia. As conclusións déranse a coñecer nos meses de novembro e decembro pero, agora, o IEU elaborou outro informe sobre a protección e adquisición da parcela na que se sitúa este enclave. Envioullo ás correspondentes administracións para que tomen cartas no asunto.
PROMOCIÓN
Segundo explica o presidente do colectivo, Francisco Pardo, os pasos a seguir a partir de agora encamíñanse cara á divulgación deste Centro Xeográfico nos centros educativos de toda Galicia.
O ‘quilómetro cero’ de Galicia sitúase nunha carballeira de Antas de Ulla