Os casos activos de Covid-19 seguen en descenso en Galicia e baixan a 15.546, así como os pacientes hospitalizados, que se reducen a 317, once menos que o día anterior; mentres que os novos contaxios mantéñense por baixo do milleiro desde o inicio da semana, pero ascenden lixeiramente a 766. Pola súa banda, a taxa de positividade aumenta a un 11 por cento.
Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade este xoves con rexistros de ata as 18,00 horas do mércores, na área sanitaria de Lugo caen a sete os críticos –un menos– e a 34 os doutras unidades –tres menos–.
MENOS CASOS ACTIVOS
Os casos activos de Covid-19 descenden por sétima xornada consecutiva ata os 15.546, que supoñen 560 menos que o día anterior, ao haber de novo máis altas (1.322) que contaxios (766), ao que se engaden varios falecementos.
Con respecto a hai unha semana, Galicia conta con 3.097 casos activos de Covid-19 menos que os 18.643 rexistrados o pasado xoves 5 de agosto. Por áreas sanitarias, na de Lugo baixan a 82 e queda con 1.825 positivos.
LIXEIRO AUMENTO DE CONTAXIOS
No conxunto de Galicia foron confirmados 768 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), 43 máis que o día anterior, dos cales 66 corresponden á área de Lugo.