Os traballadores do metal e do comercio do metal da provincia de Lugo deron o visto e prace á desconvocatoria da folga prevista para os vindeiros días 28 de outubro e 3 e 5 de novembro, despois de que sindicatos e patronal chegasen a un acordo para renovar o convenio colectivo do sector. O pacto recolle un incremento salarial acumulado do 18% en catro anos e unha redución da xornada laboral de oito horas durante o período de vixencia.
A decisión tomouse nas asembleas celebradas en Lugo e Viveiro, onde o cadro de persoal respaldou a proposta negociada, cun resultado de 83 votos a favor e 44 en contra. O novo convenio, previsto para o período 2026-2029, establece unha suba salarial do 5% para este ano, do 4,5% en 2027 e 2028 e do 4% en 2029.
O pacto inclúe tamén unha cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo dos traballadores no caso de que a inflación supere as subas salariais acordadas. Entre as melloras negociadas figuran ademais avances en materias como dietas, gardas, pólizas de seguro e accidentes laborais, como a ampliación de 20 a 24 das horas anuais para a asistencia a consultas médicas de atención primaria ou para poder acompañar familiares de primeiro grao. A redución da xornada suporá, ademais, que en 2029 os traballadores dispoñan de oito horas menos de traballo ao ano.
O acordo chega despois de dúas xornadas de folga, celebradas os mércores 14 e 21 de outubro, que tiveron un amplo seguimento e conseguiron paralizar boa parte da actividade do sector. A segunda convocatoria destacou especialmente pola participación dos traballadores e pola grande manifestación que percorreu a avenida da Coruña, na capital.
Durante a primeira xornada, os piquetes conseguiron interromper o tráfico na principal vía de acceso ao polígono industrial do Ceao, un dos principais nós de actividade económica da cidade. Na segunda, a mobilización trasladouse tamén á avenida da Coruña, onde unha marcha multitudinaria volveu poñer de manifesto o alcance do conflito laboral. As dúas xornadas transcorreron sen incidentes graves, malia a presenza de piquetes e ás interrupcións da actividade industrial.