A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que entende, polo valor de ambas, que os nomes de Olalla Rodil ou Montse Valcárcel estean entre os propostos na asemblea da formación na comarca de Lugo para as candidaturas das eleccións xerais, pero precisou que se trata de “propostas”, xa que o proceso segue aberto.
“Somos unha organización na que as asembleas poñen enriba da mesa as propostas que consideran, e que eses nomes estean enriba da mesa paréceme normal porque son dúas parlamentarias brillantes que tamén poderían facer un traballo moi importante en Madrid”, sentenciou, ao ser preguntada polos medios.
En todo caso, recalcou que o proceso de elaboración da lista aínda está “aberto” e a organización ten “varios días” para que as distintas asembleas comarcais “vaian facendo as súas propostas”. Finalmente, concluíu que será o vindeiro sábado día 24 cando o Consello Nacional do Bloque a “elaboración definitiva” dunhas listas nas que se busca “dar certeza” aos galegos e ás galegas de que os nacionalistas traballarán no Congreso para “mellorar as súas vidas”.