O Concello de Lugo avanza nun acordo coa empresa concesionaria do transporte urbano para modernizar un servizo que se atopa en situación de prórroga forzosa e introducir melloras “que faciliten o seu uso e o adapten ás necesidades actuais da cidade”, segundo explicaron este venres a alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Mobilidade, Antonio Ameijide. As actuacións previstas abranguen desde a instalación de novos sistemas tecnolóxicos nos autobuses ata a renovación das marquesiñas, a revisión dos percorridos e a mellora das condicións laborais dos condutores.
O concelleiro responsable da área explicou que o obxectivo do goberno local é converter o transporte público nunha “alternativa real” ao coche particular. “Queremos que o transporte urbano sexa unha alternativa competitiva, cómoda e que convide a deixar o coche na casa”, sinalou durante a presentación das medidas. Estas desenvolveranse de forma progresiva e a súa implantación completa prevese nun prazo aproximado de tres meses, aínda que algunhas actuacións poderían estar operativas antes.
O Concello recoñece que o servizo arrastra eivas en ámbitos básicos, “especialmente no acceso á información por parte dos usuarios”. Por iso, unha das principais actuacións propostas será a renovación do sistema de axuda á explotación (SAE) mediante a instalación de novos equipos nos vehículos da concesión. Esta tecnoloxía permitirá coñecer a localización de cada autobús e ofrecer información actualizada sobre os seus percorridos e os tempos de chegada ás paradas.
A instalación do novo sistema SAE permitirá poñer en marcha unha aplicación móbil con información en tempo real e un planificador de rutas. Deste xeito, os usuarios poderán consultar desde o teléfono canto falta para que chegue o autobús que precisan e organizar os seus desprazamentos con maior facilidade. Tamén se mellorará a páxina web do servizo para ampliar as posibilidades de consulta.
“No ano 2026 aínda non tiñamos unha aplicación móbil para contar cun planificador de rutas e información en tempo real”, lembrou o responsable municipal, que considera que estas ferramentas son básicas en calquera sistema de transporte urbano actual. Outra das novidades será a posibilidade de pagar o billete con tarxeta bancaria, tanto de débito como de crédito, unha opción que actualmente non está dispoñible nos autobuses urbanos de Lugo. Os novos equipos tamén permitirán avanzar na integración coa tarxeta de transporte da Xunta de Galicia, MOVETE, o que facilitaría o seu uso combinado con outros servizos de transporte metropolitano.
O Concello tamén prevé incorporar a rede de autobuses urbanos a Google Maps. Unha vez remitida a información necesaria, esta integración permitirá consultar os percorridos e planificar desprazamentos desde a plataforma, aínda que a súa posta en funcionamento dependerá tamén dos prazos de Google. A modernización tecnolóxica estenderase ás paradas, xa que das 24 pantallas de información existentes, actualmente só funcionan oito.
O goberno local tamén prepara unha renovación integral da imaxe das marquesiñas e dos postes informativos, moitos dos cales presentan un estado de deterioración ou carecen de información útil para os usuarios. A intención é unificar a sinalización, actualizar os contidos e ofrecer información clara sobre as diferentes liñas, seguindo modelos implantados noutras cidades. Esta actuación sumarase aos traballos de instalación de novas marquesiñas e reparación das deterioradas. O Concello estudará ademais a localización dalgúns elementos para valorar posibles desprazamentos e mellorar a súa utilidade para os pasaxeiros.
REVISIÓN DE RUTAS
O acordo inclúe tamén o estudo de alternativas para optimizar os percorridos e adaptar as liñas ás demandas trasladadas pola veciñanza durante os últimos anos. O goberno local recoñece a necesidade de mellorar as frecuencias en determinados puntos, axustar os horarios de chegada e facilitar as conexións con servizos e actividades que concentran desprazamentos diarios.
Entre as prioridades figuran a mellora dos accesos ao Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e ao cemiterio municipal, dous destinos sobre os que se recibiron peticións veciñais. Tamén se revisarán os horarios para favorecer a coordinación cos campus universitarios e as zonas de actividade industrial. O responsable municipal sinalou que xa existen propostas para modificar algúns percorridos e que se informará delas a medida que se concreten, “axustándose ás condicións do contrato vixente, que establece un límite de quilómetros que non se pode superar”.
O paquete de medidas incorpora igualmente reivindicacións dos traballadores do transporte urbano. Entre elas destaca a necesidade de garantir que os condutores dispoñan de aseos durante as súas xornadas laborais, independentemente da liña que estean a realizar. O Concello asegura que acadou un acordo coa empresa concesionaria para garantir que todas as rutas conten cun lugar ao que poidan acudir os profesionais para utilizar estes servizos.
TAXI A DEMANDA
As melloras do transporte urbano complementaranse coa ampliación progresiva do servizo de taxi a demanda nas parroquias rurais. O goberno local mantén esta liña de actuación en colaboración coa Asociación Provincial de Taxistas e convocou unha reunión para o vindeiro 21 de outubro, no marco da mesa de seguimento do convenio.
Nese encontro abordaranse dúas cuestións relacionadas: o incremento do número de licenzas de taxi e a ampliación do servizo a demanda. O Concello considera que aumentar as licenzas será necesario para poder estender a cobertura e atender as necesidades de mobilidade da poboación rural.
O goberno local defende o taxi a demanda como unha fórmula flexible para mellorar a mobilidade nas zonas rurais, ao permitir adaptar os desprazamentos ás necesidades dos usuarios. A intención é estender a cobertura de maneira gradual, desde as parroquias máis próximas á cidade cara ao resto do municipio.