Home Lugo e contorna Lugo Lugo aproba rebaixar o IBI un 95 % ás vivendas de Lugo Aluga entre críticas do BNG ao reparto fiscal

Lugo aproba rebaixar o IBI un 95 % ás vivendas de Lugo Aluga entre críticas do BNG ao reparto fiscal

0
Lugo aproba rebaixar o IBI un 95 % ás vivendas de Lugo Aluga entre críticas do BNG ao reparto fiscal
Aluguer de piso | ALX

O Pleno do Concello de Lugo aprobou este xoves, en sesión extraordinaria, a modificación inicial de varias ordenanzas fiscais co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda de alugueiro, impulsar a actividade empresarial e favorecer a creación de emprego e a retención do talento local. Entre as medidas figura unha bonificación do 95 % no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para as persoas propietarias que incorporen as súas vivendas ao programa municipal Lugo Aluga, destinado a mobilizar inmobles para o alugueiro a prezos asumibles e a ofrecer garantías tanto ás persoas propietarias como ás que buscan unha vivenda.

A reforma tamén prevé reducións de ata o 80% no IBI, no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) para favorecer a implantación de novas empresas e a ampliación das instalacións das xa existentes no municipio. As bonificacións estarán vinculadas á creación de emprego e aplicaranse conforme as condicións establecidas nas respectivas ordenanzas. A aprobación inicial afecta tamén á Ordenanza Fiscal Xeral e á normativa reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM). Durante a sesión, o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou de “preocupante” a modificación das ordenanzas fiscais proposta polo goberno municipal porque “as bonificacións previstas nos impostos poderían dificultar o mantemento da estabilidade económica do Concello”.

Arroxo lembrou a etapa de goberno municipal do Partido Popular nos anos noventa e que daquela se chegou a unha situación de inestabilidade na que algúns provedores deixaron de querer traballar co Concello debido aos atrasos nos pagamentos. O portavoz nacionalista comparou aquela situación coa actual e asegurou que, desde a chegada do PP ao goberno municipal, “seguen producíndose atrasos nos pagamentos a pequenos provedores”. O BNG tamén cuestionou o reparto dos beneficios fiscais, xa que considera que as bonificacións están orientadas ás rendas máis altas, algo que ve “inxusto”. Como exemplo, aludiu á bonificación prevista para a compra de vehículos eléctricos “fronte á situación de quen mantén un coche diésel durante anos porque non pode permitirse cambialo”. Ao seu xuízo, estas medidas favorecen a quen ten máis recursos e poden trasladar unha maior carga fiscal a quen ten menos.

O BNG RECLAMA MÁIS VIVENDA PÚBLICA

En relación co acceso á vivenda, Arroxo defendeu que o BNG leva anos formulando medidas para evitar a especulación e aumentar a oferta de vivenda pública. Por iso, avogou por “lexislar para impedir que a vivenda se converta nun ben destinado á especulación” e reclamou unha maior implicación das administracións na construción de inmobles públicos. Arroxo lembrou que as competencias en materia de vivenda corresponden aos gobernos autonómicos, pero afirmou que “o PP non construíu vivenda pública ata a chegada dos fondos europeos Next Generation”. O nacionalista cualificou ese período de “15 anos perdidos” e advertiu de que “cando a Administración pública non constrúe vivenda, o mercado queda en mans privadas, con consecuencias para os prezos”.

+ posts