InicioPolíticaCandia anuncia que duplicará as axudas para proxectos de entidades sociais

Candia anuncia que duplicará as axudas para proxectos de entidades sociais

Fixo este anuncio durante a firma dos convenios para formalizar as axudas a estas organizacións

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo incrementará de xeito significativo o seu apoio económico ás entidades do ámbito social cunha nova convocatoria de axudas de concorrencia competitiva que duplicará o seu orzamento, ao pasar de 38.000 a 76.000 euros.

O anuncio fíxoo este mércores a alcaldesa, Elena Candia, durante a sinatura dos convenios das subvencións nominativas con 26 asociacións do municipio. O encontro, no que participou tamén o concelleiro de Política Social e Maiores, Gustavo Díaz, serviu para formalizar as axudas nominativas correspondentes a este exercicio, que ascenden a 286.000 euros, e para presentar as principais novidades que o Goberno local aplicará na xestión das subvencións municipais.

A próxima convocatoria de concorrencia competitiva incorporará tamén unha modificación relevante nas súas bases. Por primeira vez, as entidades que xa reciben unha subvención nominativa do Concello poderán presentar proxectos e optar a esta liña de financiamento adicional, unha posibilidade que estaba excluída nas convocatorias anteriores.

O obxectivo, segundo trasladou a alcaldesa, é diferenciar o apoio ao funcionamento ordinario das asociacións do respaldo a iniciativas concretas. “As entidades sociais realizan un traballo fundamental acompañando moitas persoas e familias de Lugo ao longo de todo o ano. Queremos que dispoñan dos recursos con maior antelación e ampliar as posibilidades de colaboración para que os fondos públicos cheguen a máis programas e necesidades”, sinalou Candia.

Con estas modificacións, o Concello pretende “reforzar” a capacidade de actuación das organizacións sociais lucenses, “tanto mediante o financiamento estable da súa actividade anual como a través de novas axudas destinadas a proxectos concretos de interese social”.

MELLORAS NAS AXUDAS ESTE ANO

Durante a sinatura dos 26 convenios con colectivos, Candia anunciou os cambios incorporados en beneficio dos colectivos. Unha das medidas máis destacadas afecta á súa liquidez, xa que o Concello adiatará o pagamento do anticipo das axudas e elevará a súa contía ata o 80 % da subvención concedida, fronte ao 50 % que se aboaba ata agora.

Segundo explicou o Goberno municipal, este cambio responde a “unha petición reiterada” do tecido asociativo, que reclamaba dispoñer dos fondos con maior antelación para poder facer fronte aos gastos de funcionamento e desenvolver os seus programas sen ter que agardar a final de ano. Ata agora, o primeiro ingreso adoita facerse en decembro. Co novo calendario, as asociacións poderán contar con eses recursos varios meses antes, o que facilitará a planificación das súas actividades e a prestación de servizos aos colectivos cos que traballan.

+ posts

ÚLTIMAS

Terra Nova abrirá o San Froilán cun DJ sinfónico e estreará a súa primeira ópera en 2027

A Xove Orquestra de Lugo Terra Nova afrontará a tempada 2026-2027 cun programa que...

Hospitalizados no HULA cinco nenos por chupar e tocar pílulas que podería ser éxtase

Cinco menores de sete anos tiveron que ser trasladados ao Hospital Universitario Lucus Augusti...

O PP reclama un plan de choque para “frear a sangría” de autónomos na provincia de Lugo

Os senadores do PP de Lugo defenderán este mércores no Senado unha iniciativa para...

Detida unha muller en Lugo ao tentar agredir aos policías que interviñeron nunha pelexa na que estaba implicada

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron unha muller como presunta autora dun delito...