InicioPolíticaMartínez monta un partido 'independente' na provincia para danar ao PSdeG

Martínez monta un partido ‘independente’ na provincia para danar ao PSdeG

O ex vicepresidente da Deputación de Lugo marcha do PSdeG pola porta de atrás e coa intención de facerlle dano ao seu ex partido.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Quen foi unha dos grandes dirixentes socialistas de toda a provincia, Manuel Martínez, todo un peso pesado do PSdeG, acaba de consumar a súa vinganza. O rexedor de Becerreá acaba de anunciar un segredo a voces: que se volverá presentar á alcaldía como “independente”.

Pero esta decisión vai moito máis alá do seu concello e o seu gran obxectivo é xuntar nunha lista conxunta a outros independentes –ex socialistas e ex populares– para tentar arrepañar algún deputado provincial e desaloxar ao PSdeG da deputación.

“O caso é que Manolo teña a chave para o futuro goberno”, apuntan fontes consultadas que aseguran que, agora, o seu grande obxectivo xa non é ser presidente da deputación, un desexo que mantivo ata hai uns meses, senón “castigar” e “facerlle dano como sexa” aos seus antigos compañeiros. Unha operación na que tería que contar, obviamente, co beneplácito e apoio do Partido Popular, co que xa pactou en varias ocasións na deputación.

“OUTRAS LISTAS INDEPENDENTES”

Martínez insistía este martes que volverá presentarse á reelección, “en principio nunha lista independente”, segundo dixo, para engadir que “se esa lista independente ademais se pode unir a outras listas independentes da provincia de Lugo, moito mellor, porque tamén se pode optar a ter representantes na deputación, polo menos por un par de partidos xudiciais”. “É o estado de opinión dun grupo importante de xente e o futuro decidirá”, subliñou.

Martínez toma esta decisión xusto no mesmo día no que protagonizou unha das xornadas máis lamentables que se lembran no pleno da deputación provincial, con insultos e ameazas aos seus ex compañeiros de partido e, sobre todo, desafiando ata o que hai unhas semanas era o seu gran valedor, defensor e mesmo amigo dentro do PSdeG, Darío Campos, alcalde da Pontenova e presidente da deputación.

Manuel Martínez (esquerda) e Darío Campos nun pleno anterior |
Deputación de Lugo

O xa ex socialista e a que algúns ex compañeiros cualifican xa de “traidor” dá este paso antes de que finalice o expediente disciplinario aberto contra el de expulsión tras votar e pactar co PP para facerlle dano ao seu, ata hoxe, partido. É por iso, que a partir do próximo pleno municipal (do xoves 6 de xuño) tanto el como outro seis concelleiros de oito (do Partido Socialista) pasaranse ao grupo de non adscritos. Así, o PSOE quedaría reducido a unha concelleira.

“No grupo municipal, de oito concelleiros imos sete ao grupo de non adscritos. Tamén vai haber un número importante de militantes (do PSOE que son sobre medio cento en Becerreá) que se van a dar de baixa”, avanzou.

PRIMEIRA DERROTA DE MARTÍNEZ

Con todo, Martínez xa tivo unha pequena derrota. Quería que todo o seu grupo municipal marchara con el para amosar a “unanimidade” coa súa decisión e o seu “total poder” no concello. Pero non o conseguiu. Unha concelleira, Ana Rubinos, decidiu, contra vento e marea ser fiel ao partido pola que foi elixida, o PSdeG.

Por iso, o secretario provincial socialista, Álvaro Santos, daba este martes “moitos ánimos” á concelleira. “Esta concelleira acaba de demostrar o seu firme compromiso co Partido Socialista e cos ideais socialistas. Segue habendo Partido Socialista en Becerreá e seguiremos traballando para que haxa unha candidatura nas mesmas municipais e que o Partido Socialista obteña un bo resultado”, resolveu.

ÚLTIMAS

Detido un home en Lugo acusado de apuñalar á súa muller

Un home foi detido esta madrugada en Lugo acusado de propinar varias puñaladas á súa...

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...