A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, presidiu este sábado a recepción oficial das tropas e tribos visitantes participantes na XI edición do Arde Lucus, unha celebración que definiu como un “referente internacional da recreación histórica”. O acto reuniu representantes de vinte agrupacións procedentes de distintos puntos da Península Ibérica e doutros países europeos.
Durante a recepción institucional, a rexedora destacou a importancia do Arde Lucus como escaparate da identidade lucense e do patrimonio cultural vinculado á tradición romana da cidade. Candia asegurou que esta festa constitúe unha oportunidade para amosar ao mundo a historia, a cultura e o carácter acolledor de Lugo, nun dos eventos máis multitudinarios e recoñecidos do calendario galego.
No transcurso da cerimonia entregáronse os recoñecementos Civitas Honoris desta edición. Entre as distincións, Iván Rouco, integrante dos Pretorianos, fixo entrega dun galardón á alcaldesa, mentres que Miguel Carricoba, coñecido como o Druída, recoñeceu o labor do concelleiro de Xuventude, Damián Carballo. Ademais, rendeuse unha homenaxe póstuma a Manuel López Guitar, membro de Pax Romana, cuxa distinción foi recollida pola súa viúva.
O acto concluíu cun recoñecemento especial a Manuel Buján, intérprete do personaxe de Paulo Favio, e cun agradecemento institucional ás vinte tropas e tribos convidadas nesta edición. O Concello destacou a súa contribución para consolidar o Arde Lucus como unha das principais citas de recreación histórica de Europa.
