A Xunta iniciou este martes o proceso de licitación para construír 59 novas vivendas públicas no barrio de Paradai, en Lugo, cun investimento previsto de 10,7 millóns de euros financiados integramente con fondos autonómicos.
Este é un novo proxecto que se suma aos que ten en construción o Goberno galego nos barrios de Garabolos e que comezarán a ser unha realidade a finais deste ano.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou esta actuación xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a alcaldesa da cidade, Elena Candia.
Segundo explicou a responsable autonómica, a licitación está publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 29 de xuño.
A promoción levantarase sobre uns terreos obtidos mediante unha permuta co Concello de Lugo e contempla a construción dun edificio de planta baixa e seis alturas con ático nunha zona próxima á estación de ferrocarril e futura intermodal, e ben conectada coa rede viaria urbana.
O inmoble disporá de vivendas de dúas, tres e catro dormitorios, deseñadas baixo criterios de accesibilidade, eficiencia enerxética e calidade construtiva, nove por piso e cinco no ático.
Ademais, seis delas están adaptadas para persoas con problemas de mobilidade. Todas terán carácter de promoción pública e estarán destinadas a persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda no municipio lucense.
Durante a súa intervención, a conselleira destacou o impulso que a Xunta está a dar á vivenda pública en Lugo, onde actualmente hai en marcha máis de 600 inmobles protexidos, a maioría concentrados na zona de Garabolos e en distintas fases de execución.
Neste ámbito, lembrou ademais que recentemente se licitaron as obras para outras 152 vivendas públicas en Garabolos, cun investimento superior aos 26 millóns de euros, mentres continúan executándose outras 146 xa iniciadas, divididas en dous bloques de edificios.
A Xunta traballa tamén nun proxecto para habilitar 50 aloxamentos temporais dirixidos a menores de 36 anos nunha parcela situada na rúa Illa Coelleira. “Os proyectistas están a facer un gran traballo”, sinalou a conselleira, explicando que este proxecto será dado a coñecer nunha xornada en Santiago de Compostela esta mesma semana.
Finalmente, fixo referencia a outro edificio de máis de 50 vivendas que se licitará neste semestre en Ángelo Colocci, do mesmo xeito que outras 168 vivendas en leste mesmo ano.
Martínez Allegue estima que os primeiros edificios comezarán a ser unha realidade a finais deste ano e principios de 2027, “aínda que todos serán unha realidade en 2028”, engadiu.
ACCESO Á VIVENDA
O Goberno galego indicou que impulsa novas medidas para facilitar o acceso á vivenda pública, entre elas a ampliación dos límites máximos de ingresos esixidos para optar a estes inmobles, que pasarán a situarse en catro veces o Iprem e en 4,5 veces no caso de familias numerosas.
“Así hai máis familias que poden acceder a estas vivendas; o que facemos é ofrecer máis facilidades”, sinalou a conselleira, quen tamén puxo en valor a colaboración coa nova alcaldesa.
“O obxectivo é que as persoas que poidan facer o proxecto de vida na nosa cidade”, sinalou a nova alcaldesa, cualificando de “imprescindible” o acceso á vivenda.
Por outra banda, encomiou o traballo realizado tamén neste proxecto, “no que se buscou que repercuta positivamente nos barrios e dea unha solución ás familias”. Ademais, Candia apelou “ao consenso cos veciños” á hora de pór en marcha os proxectos”.
