InicioPolíticaA moción de Lugo incendia o Parlamento entre acusacións de “compra de...

A moción de Lugo incendia o Parlamento entre acusacións de “compra de vontades”, transfuguismo e “hipocrisía”

PSdeG e BNG denuncian un “uso caciquil” dos fondos da Xunta para favorecer a chegada de Elena Candia á Alcaldía, mentres o PP defende a legalidade da moción e lembra os precedentes de Noia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A moción de censura de Lugo volveu este martes ao centro do debate político galego, cun duro cruzamento de acusacións entre PSdeG, BNG e PP no pleno do Parlamento. Socialistas e nacionalistas denunciaron o “uso caciquil” dos fondos públicos por parte da Xunta e acusaron o PP de “mercar vontades” para colocar a popular Elena Candia na Alcaldía da cidade da muralla. O Goberno galego, pola súa banda, rexeitou a “hipocrisía” da oposición e lembrou a moción de censura de Noia.

Nun debate no que Elena Candia, vicepresidenta do Parlamento e voceira do PP en Lugo, non estivo presente —regresou ao Hemiciclo despois de que se formulasen as preguntas sobre a moción de censura—, a vicevoceira parlamentaria do PSdeG e exalcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acusou a Xunta de Galicia de “mercar vontades” na cidade. Segundo denunciou, Candia e o Goberno galego estarían a facer un “uso fraudulento” dos fondos da Axencia de Turismo para favorecer intereses políticos en Lugo, chegando mesmo, segundo dixo, a practicar “discriminación” entre veciños e veciñas.

LARA MÉNDEZ: “A MÁXIMA EXPRESIÓN É A COMPRA DUNHA TRÁNSFUGA”

A deputada socialista afirmou que podería enumerar os usos que, ao seu xuízo, Elena Candia fai das institucións, pero asegurou que non lle abondaría unha sesión plenaria para facelo. Méndez sostivo que esa “compra de vontades” chega á súa “máxima expresión na compra dunha tránsfuga”, en referencia á concelleira non adscrita María Reigosa, cuxo apoio permite ao PP presentar a moción de censura contra o alcalde socialista de Lugo.

A exalcaldesa chegou a afirmar que a Reigosa “non lle foi a primeira vez que tocou” e acusou a líder do PP lucense de “utilizar os tanatorios” para tantear compañeiros do PSOE co obxectivo de “intentar persuadir a algún tránsfuga” ata que, segundo dixo, “chegou Reigosa e puxo prezo”. Lara Méndez mostrouse convencida de que haberá “unha contraprestación” que se coñecerá en breve, ben “vía caixa A” ou “caixa B”, e preguntou ao Goberno galego se aplicará os estatutos do PP para “suspender ou inhabilitar” a Candia polas súas prácticas.

DIEGO CALVO ACUSA A MENDÉZ DE INICIAR O PROBLEMA

Na súa resposta, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, censurou que Lara Méndez interpele a Xunta sobre principios de integridade institucional e ética democrática cando, segundo afirmou, o PSOE “pasa polo arco da vitoria” eses mesmos principios en Noia. Calvo lembrou que nese concello se impulsou unha moción de censura “cun concelleiro tránsfuga do PP” para arrebatarlle a Alcaldía aos populares.

O tamén líder do PP na provincia da Coruña subliñou que as mocións de censura son un “instrumento legal” e defendeu que o Partido Popular leva gañando as eleccións en Lugo desde 2011, aínda que, segundo dixo, despois “se suman os perdedores” e “saen as contas”. Dito isto, o conselleiro responsabilizou a propia Lara Méndez da situación política actual en Lugo ao asegurar que “fixo unha lista e, sete meses despois de presentarse nela, foise correndo”. “Quen inicia o problema no Grupo Municipal de Lugo é vostede, señora Méndez”, afirmou.

MÉNDEZ ACUSA A CANDIA DE QUERER SER “ALCALDESA NA SOMBRA”

Lara Méndez respondeu reprochando ao PP que critique a súa saída da Alcaldía de Lugo despois de nove anos como rexedora para ir ao Parlamento, cando, segundo lembrou, a propia Elena Candia deixou a Alcaldía de Mondoñedo tras cinco anos e permaneceu como concelleira para “ser alcaldesa na sombra antes de dar o salto a Lugo”. “Porque ese era o seu obxectivo”, afirmou a deputada socialista, que concluíu que “a historia máis escura de Lugo leva o nome de Elena Candia”.

Pola súa parte, a portavoz socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, cualificou o acordo entre María Reigosa e o PP como un “proceso oscurantista” do que, apuntou, se han decatando nos últimos días “a través dos medios de comunicación”. “Actuouse con total desvergoña”, asegurou, pondo como exemplo os contactos previos entre ambas as antes de que entrase no Goberno ou o intento de achegamento con outros concelleiros socialistas neste tempo.

 

O BNG DENUNCIA UN “USO CACIQUIL” DA XUNTA

A continuación, a vicevoceira parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, denunciou o “uso caciquil” da Xunta por parte do PP para favorecer a moción de censura de Lugo. Rodil sostivo que detrás da operación política “non hai un proxecto de cidade”, senón “intereses partidistas, ambicións persoais e pactos escuros”. Segundo afirmou, o PP “comprou o voto e a sinatura da concelleira tránsfuga valéndose do Goberno da Xunta”, utilizando “os recursos dos galegos e das galegas para mercadear vontades e votos” co obxectivo de facerse “pola porta de atrás” cun goberno que non acadou nas urnas.

A PRAZA NA XEFATURA DO LITORAL DE LUGO

A parlamentaria nacionalista puxo o foco na creación dunha praza na Xefatura do Litoral de Lugo que, segundo explicou, foi xustificada pola suposta renuncia da persoa que ocupaba o posto. “Sacaron a praza co argumento de que esa persoa renunciara, pero esa persoa non renunciara. Aquela praza estaba ocupada”, afirmou Rodil, que preguntou por que a Xunta “mentiu”. A vicevoceira do BNG advertiu de que “nun sistema democrático non se pode permitir o uso de recursos públicos para cambiar un goberno”, nin a “compra de votos para manipular a vontade expresada pola cidadanía nas urnas”. Tampouco, engadiu, pode aceptarse o “uso partidista das institucións para saciar as ansias de poder do Partido Popular”.

O PP ACUSA AO BNG DE “HIPOCRISÍA”

Na súa resposta, Diego Calvo sostivo que, se hai un grupo político “hipócrita de verdade”, ese é o BNG, ao que acusou de “rasgar as vestiduras” agora polo caso de Lugo cando en Noia participou nunha moción de censura con apoio dun concelleiro tránsfuga. “Naquel momento lles valía porque colleitaron un concelleiro tránsfuga do PP para quitar o PP do goberno”, alegou. O conselleiro tamén lembrou que o BNG gobernaba co PSOE na Deputación de Lugo cando o expresidente José Tomé prometeu investimentos en Viveiro se se freaba a moción de censura contra a alcaldesa socialista María Loureiro. “Naquel intre ofrecían comprar o voto dun partido con fondos públicos e que dicía o Bloque no Parlamento? Nada! Calou!”, exclamou.

“TEÑEN UN PREZO BASTANTE BAIXO”

Calvo asegurou estar “seguro” de que a xente de Lugo “non está en venda”, pero preguntouse se o mesmo pode dicirse do BNG. “Si”, respondeu el mesmo, para afirmar que os nacionalistas aceptaron, “por medio millón de euros”, o sucedido na Deputación de Lugo. “Teñen un prezo bastante baixo”, concluíu o conselleiro. O debate evidenciou a enorme tensión política arredor da moción de censura de Lugo, que se votará este xoves e que pode converter Elena Candia en alcaldesa co apoio da concelleira non adscrita María Reigosa. Unha operación que o PP defende como legal e lexítima, mentres PSdeG e BNG a presentan como un caso de transfuguismo marcado por intereses escuros, acusacións de compra de vontades e uso partidista das institucións.

+ posts

ÚLTIMAS

Pontón aplaude o traballo do BNG no Concello de Lugo e advirte: “Lugo non perdoará aos traidores”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu o labor do tenente de alcalde...

Carmela López e Miguel Fernández examinan as obras en Adolfo Suárez “acceso esencial para a intermodal”

  A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel...

Presentado o proxecto para crear oito novas rotondas de cara a axilizar o tráfico en Lugo

O primeiro tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, fixo público o proxecto de...