A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o responsable do Pazo de Feiras, Rubén López, asinaron un convenio de colaboración polo cal a institución provincial destinará 40.000 euros para financiar unha nova edición de Equigal Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que terá lugar entre o 8 e o 17 de maio.
Tal e como trasladou o Goberno provincial nunha nota de prensa, a presidenta remarcou que a cita ecuestre é “moito máis que un evento”, senón que é un “espazo que xera actividade económica, impulsa o comercio, os servizos e o turismo e contribúe a proxectar Lugo como unha provincia dinámica e con capacidade organizativa”.
Nesta liña, sinalou que se fala de “miles de visitantes máis dun centenar de cabalos de competición e dun movemento económico que nos medios de comunicación cifraron por encima do millón de euros”.
Carmela López enmarcou neste contexto o apoio da Deputación de Lugo para fortalecer o papel do Pazo de Feiras como “motor de dinamización” da provincia e subliñou que a Deputación continuará apoiando este tipo de iniciativas “que funcionan, xeran valor e contribúen ao desenvolvemento de Lugo”.
A nova edición de Equigal abrirá as súas portas o venres 8 de maio, cunha exhibición da Garda Real. Posteriormente, entre o sábado 9 e o domingo 10 de maio terá lugar o concurso morfológico; do luns 11 ao xoves 14 os bautizos ecuestres para o alumnado de colexios; e do venres 15 ata o 17 terá lugar o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Galega (PRG).
