InicioLugo e contornaLanzamento de moedas e berros de "traidora" nun pleno bronco que certifica...

Lanzamento de moedas e berros de “traidora” nun pleno bronco que certifica a nova maioría en Lugo

O alcalde Miguel Fernández amosa o seu respecto pola "indignación" veciñal antes dun pleno marcado pola tensión e o desaloxo do público.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Varios centenares de persoas, convocados pola plataforma ‘Transfuguismo non, Democracia si‘, concentráronse este xoves ante as portas do Concello da capital lucense para protestar pola moción de censura anunciada polo Grupo Popular, co apoio da edil tránsfuga, a exsocialista María Reigosa. Este movemento, se todo segue segundo o previsto, tombará ao goberno bipartito e dará paso a un executivo liderado polos populares tras 27 anos. A concentración produciuse coincidindo coa sesión do último pleno ordinario que presidirá o socialista Miguel Fernández antes da moción, que se votará o vindeiro xoves 7 de maio.

En declaracións aos medios antes do arranque da sesión plenaria, o alcalde asegurou que afronta este último pleno “con absoluta normalidade”, apuntando que entende “perfectamente” a resposta veciñal. “Somos xente cívica, xente pacífica, xente respectuosa, pero están a mostrar a súa rabia, o seu cabreo, a súa indignación ante unha situación indigna que non respecta os valores democráticos nin respecta os principios éticos e morais que deben rexer a vida pública”, sostivo. En todo caso, si pediu “mirar quen é responsable da crispación, do enfrontamento, da compra de vontades, da atemorización que se fixo nos últimos anos. Eu creo que daquelas augas veñen estes lodos”, aseverou.

ASUBÍOS E CÁNTICOS

Antes de iniciar o pleno sucedéronse os asubíos e cánticos contra o Grupo Popular e a edil tránsfuga. De feito, xa presidindo o pleno, o alcalde pediu silencio aos asistentes e “ser máis intelixentes” para tratar de evitar ter que desaloxar o salón de plenos, o que finalmente sucedeu. Ademais, un grupo de veciños situouse fronte á corporación municipal portando un cartel no que se podía ler ‘Xudas vendeuse por 30 moedas‘, mentres desde o exterior escoitábanse repetidos cánticos de ‘Candia, atende, Lugo non se vende’, ‘onde están os tramposos?’ ou ‘Democracia si, transfuguismo non’, entre outros.

O portavoz da plataforma, Lois Pérez, celebrou a contestación cidadá para “visibilizar o descontento, o rexeitamento e a indignación dunha parte moi importante da sociedade lucense”, culpando ás “prácticas levadas a cabo polo PP de Lugo e a señora Candia” para conseguir chegar á Alcaldía de Lugo. Para o portavoz, esta moción supón “vulnerar a vontade popular expresada nas urnas” nos comicios de 2023 e destacou que este tipo de accións “debilitan as institucións e a democracia”. Nesta liña, avanzou que seguirán reivindicando “con civismo, respecto e total educación”, pero tamén “con firmeza” unhas conviccións que, engadiu, “merece a pena defendelas contra quen tenta coller atallos”.

BESTEIRO APUNTA A RUEDA

Na protesta e xunto á exalcaldesa da cidade Lara Méndez e a portavoz do goberno local Ana Abelleira, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, volveu esixir ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dea explicacións polo apoio do PP á moción de censura coa que, segundo denunciou, pretenden arrebatarlle a alcaldía de Lugo aos socialistas o próximo 7 de maio coa colaboración dunha tránsfuga. “Esa posición do PP sitúase fóra do marco democrático”, advertiu Besteiro que, acompañado de diversos cargos socialistas, definiu a operación dos populares como “unha moción de censura indecente, antidemocrática”.

O xefe de filas do PSdeG, que lembrou ao PP a consigna que coreaban os veciños concentrados ante o Concello, ‘Democracia si, transfuguismo non’, incidiu en que disto “é responsable non só o PP de Lugo, tamén o PP de Galicia”. “Rueda, que está a esquivar plenamente esta situación, debe explicar tamén por que apoia esta moción de censura“, reclamou. Pola súa banda, a concelleira socialista Ana Abelleira agradeceu a resposta da rúa: “Creo que teñen todo o dereito a mostrar a súa indignación polo que pode suceder o 7 de maio, cando o PP trate de asaltar o concello de Lugo a través dunha moción de censura cunha tránsfuga”.

ARROXO: “DESVIRTÚAN O MANDATO POPULAR”

Tamén se pronunciou ante os medios de comunicación o portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, que agradeceu á cidadanía que volvan acudir á Praza Maior “en defensa da democracia”. Así, o responsable nacionalista subliñou que, “independentemente da ideoloxía” de cada un, a cidadanía “está estes días indignada” porque “non entenden estas traizóns” que, ao seu xuízo, “desvirtúan totalmente o mandato popular”. Fixo referencia tamén á “ética”, ao lembrar que esta situación se dá tras tres falecementos no grupo municipal socialista durante este mandato e despois de “ver como se falaba dunha posible praza que pode ser que se dea a cambio desta moción de censura”.

MINUTO DE SILENCIO E TOMA DE POSESIÓN NO PLENO

O pleno comezou cun minuto de silencio polo recente falecemento da concelleira socialista Olga López Rocamonde. A continuación, tomou posesión, en substitución de Olga López, Eugenia Igrexas Vargas, de quen Miguel Fernández destacou a súa formación no ámbito deportivo e as súas “ganas de colaborar”. Tras iso, a sesión discorreu con relativa normalidade, con varias iniciativas debatidas e votadas ata pasada a media hora, cando algúns asistentes comezaron a asubiar e a proferir berros de “traidora” a Reigosa, así como a lanzarlle moedas, momento en que o alcalde decidiu solicitar que se desaloxase a sala.

TENSIÓN ENTRE O ALCALDE E AMEIJIDE

Un dos momentos máis tensos do pleno protagonizouno o alcalde socialista co viceportavoz do PP na cidade de Lugo, Antonio Ameijide, a quen chamou á orde dúas veces para que se centrase na cuestión debatida. O concelleiro popular acusou ao goberno local de levar público para “crispar”. Critica a “desidia” e “falta de respecto” do alcalde por “permitir” o lanzamento de moedas. O rexedor díxolle que “siga por ese camiño e conseguirá a expulsión do pleno”. “Non me ameace”, respondeu Ameijide. Mentres, a portavoz popular, Elena Candia, tirou de Sócrates para definir a sesión plenaria: “Cando o debate se perdeu a calumnia é a ferramenta do perdedor”.

EVIDENCIA DUNHA NOVA MAIORÍA

Con todo, este último pleno ordinario serviu tamén para amosar a nova maioría nas votacións. María Reigosa votou co Partido Popular para tombar unha iniciativa do BNG que instaba a Alfonso Rueda a pedir desculpas aos traballadores polo plan de control das baixas laborais. Ana Abelleira (PSdeG) sinalou no debate que o que falla é a “incompetencia da Xunta na xestión sanitaria”, pero a proposta non saíu adiante pola alianza entre o PP e a edil tránsfuga. Reigosa optou por non intervir na maioría das ocasións, limitándose a tomar a palabra en asuntos como o acondicionamento do ‘leira párking’ do HULA. O pleno concluíu coa aprobación unánime de declaracións institucionais en lembranza de Olga López e polo Día das Letras Galegas.

+ posts

ÚLTIMAS

O PPdeG insta a BNG e PSOE a frear a súa “escalada de odio” en Lugo: “A xente apoia a moción de impulso”

O Partido Popular instou este xoves ao BNG e ao PSOE a frear a...

A CIG traslada a súa manifestación do 1 de maio a Lugo para denunciar a “deriva autoritaria e golpista do PP”

Os sindicatos lanzarán un berro pola paz e contra a guerra este 1 de...

Detido en Lugo un home por tentar agredir con dous coitelos á parella da súa exmoza

A Policía Local de Lugo detivo a un home por tentar agredir con dous...

Remata a repavimentación da rúa Benxamín Paz en Vilalba

O Concello de Vilalba vén de concluír os traballos de aplicación do aglomerado en...