O Concello de Vilalba vén de concluír os traballos de aplicación do aglomerado en quente na rúa Benxamín Paz, dando por finalizada a fase clave dunha actuación que supuxo a transformación integral desta vía do casco urbano.
A alcaldesa, Marta Rouco, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, visitaron as obras en varias ocasións ao longo do seu desenvolvemento para facer seguimento dunha intervención que mellora de maneira significativa tanto a circulación como o tránsito peonil nunha zona especialmente transitada.
A aplicación da nova capa de rodaxe permite contar cun firme completamente renovado, en mellores condicións de seguridade e confort, ao tempo que se reforza a funcionalidade dunha rúa cun elevado uso diario, especialmente pola súa proximidade ao centro de saúde.
A actuación complétase coa instalación de pasos de peóns sobreelevados, que contribúen a moderar a velocidade do tráfico e facilitan o paso das persoas, con especial atención a aquelas con mobilidade reducida.
A alcaldesa destacou o alcance da intervención, sinalando que “esta actuación permite dar un salto cualitativo moi importante nesta rúa, tanto desde o punto de vista da seguridade como da accesibilidade”. Rouco subliñou que “seguimos avanzando nun modelo de vila máis funcional, máis cómoda e pensada para as persoas”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, puxo en valor o traballo realizado e o impacto directo desta actuación no día a día da veciñanza, destacando a importancia de continuar coa mellora progresiva dos espazos públicos.
A intervención, cun investimento de máis de 160.000 euros financiado a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos, incluíu tamén a renovación previa das beirarrúas para adaptalas á normativa de accesibilidade, a modernización do alumeado público con tecnoloxía LED e a mellora da contorna mediante a incorporación de elementos que contribúen a unha imaxe máis coidada da rúa.
Unha vez rematada a aplicación do aglomerado, queda pendente o pintado das marcas viais e a instalación da sinalización vertical, actuacións que se executarán nas vindeiras semanas para completar a renovación integral.
Desde o Concello destacan que esta intervención forma parte dunha liña de traballo continuada orientada á mellora das infraestruturas urbanas e á construción dun casco urbano máis accesible, seguro e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza.
