O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou este mércores en Lugo o “bloqueo constante” do Partido Popular aos grandes proxectos da cidade, algo que ve como un “castigo” durante os últimos anos”, e sinalou o Museo da Romanización como o exemplo máis evidente da “discriminación” que, ao seu xuízo, exerce a Xunta de Galicia desde hai case unha década.
Besteiro realizou estas declaracións durante unha nova visita á cidade de Lugo xunto ao alcalde, Miguel Fernández. Ambos explicaron que o edificio, que data do século XVIII, está chamado a acoller este museo, cuxa posta en marcha segue pendente a pesar de que o Concello asegura ter todo preparado desde hai anos. De feito, Fernández lembrou que o Concello buscou tamén fondos no Goberno nacional “para seguir investindo neste proxecto se fai falta”.
“O feito de que o PP non obteña respaldo en Lugo desde hai 27 anos non é casual, senón consecuencia dunha actitude de bloqueo permanente cara á cidade”, afirmou o líder socialista, quen tamén aludiu á situación política municipal e á moción de censura en marcha.
Neste sentido, asegurou non ter “ningún tipo de contacto” coa concelleira María Reigosa, aínda que lle lembrou que “aínda está a tempo de rectificar”. Tamén tivo palabras de crítica para Elena Candia á que acusou de “estar calladita no Parlamento de Galicia mentres se aprobaban uns orzamentos sen un só euro para o Museo da Romanización”.
Besteiro defendeu o Museo da Romanización como unha infraestrutura “vital” non só para Lugo, senón tamén para Galicia e o noroeste peninsular, destacando o seu potencial cultural e turístico. Ambos criticaron que a Xunta non impulsase o proxecto no últimos dez anos, mentres, segundo indicou, si se destinaron fondos a outras cidades.
OUTRAS DEMANDAS HISTÓRICAS
O dirixente socialista comparou este caso con outros proxectos históricos que, na súa opinión, tamén sufriron atrasos pola falta de apoio do PP, como o Plan Paradai, e asegurou que a súa formación seguirá traballando “desde calquera ámbito” para sacar adiante iniciativas que beneficien á cidade.
O responsable socialista insistiu en que Elena Candia favoreceu esa discriminación que se está facendo “porque ao Partido Popular non lle dan os números nas enquisas, fixeron unha política anti Lugo e iso o veciño non o esquece”, engadiu.
De face ao futuro, indicou que se con Candia a Xunta cambia e realiza investimentos como esta “estariamos a falar dunha política antidemocrática e partidista e por iso non apostan os cidadáns”. Tamén quixo avanzar que se se produce o cambio de Goberno “seguirán insistindo en que se fagan eses investimentos”, aínda que sinalou que sería “un claro exemplo de como actúa o Partido Popular”.
OS “INCUMPRIMENTOS” COA CIDADE
Pola súa banda, o alcalde Miguel Fernández insistiu en que o Ayuntameinto cumpriu co seu parte para facer realidade o museo, lembrando que dispón do edificio, dos restos arqueolóxicos -preto de 25.000 pezas- e de financiamento suficiente para a súa execución. “O único que falta é o compromiso da Xunta”, subliñou.
Fernández enmarcou esta situación nunha lista de “incumprimentos” coa cidade, entre os que citou infraestruturas pendentes como a calzada das Gándaras, a conexión coa A-6, a Rolda Este ou actuacións na rúa Serra de Meira.
O rexedor tamén fixo referencia ao canon da auga, sinalando que os veciños de Lugo pagan preto de 15 millóns de euros sen que esa recadación reverta na cidade. “Os datos evidencian unha discriminación importante por parte da Xunta”, afirmou.
Finalmente, Fernández apelou ao respaldo cidadán a este proxecto e asegurou que a reivindicación do Museo da Romanización continuará “desde o goberno ou desde a oposición”, ao consideralo unha infraestrutura crave para o desenvolvemento de Lugo.
