InicioPolíticaO PP de Lugo defende a moción de censura en Lugo: "é...

O PP de Lugo defende a moción de censura en Lugo: “é para dar estabilidade á cidade”

Considera que é “máis necesaria que nunca” pola crise interna do goberno local. María Reigosa evita pronunciarse mentres o PP asegura estar listo para gobernar.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O presidente da xunta local do Partido Popular en Lugo, Ramón Carballo, levantou o silencio que ata agora, polo menos en público, primaba na agrupación local sobre a posible presentación dunha moción de censura coa firma de María Reigosa, a edila que deixou o PSOE, para cambiar o goberno na cidade e situar a Elena Candia como nova alcaldesa da cidade. Nun comunicado, Carballo defendeu que a formación ten “a obrigación de tentar gobernar como lista máis votada” co obxectivo de “dar estabilidade á cidade” ante unha situación política no goberno de PSOE e BNG –que dirixe Miguel Fernández– que reproban.

Carballo xustificou a posibilidade dunha moción de censura ao considerar que “é hoxe máis necesaria que nunca” debido ao “desgoberno e a descomposición do bipartito de PSOE e BNG”. Neste sentido, defendeu que se trata “dun instrumento democrático” para saír de “un canellón sen saída no que estes partidos meteron a Lugo tras máis de 26 anos de malas decisións, proxectos errados e malgasto de recursos públicos”.

Ao seu xuízo, a inestabilidade política, agravada pola saída dunha concelleira do propio goberno, evidencia “a falta de rumbo e a incapacidade para gobernar”. Desde o Partido Popular tamén acusaron a PSOE e BNG de tentar desviar a atención sobre a situación actual, subliñando que “a responsabilidade é exclusivamente súa”. Nesta liña, Carballo afirmou que “todo é lexítimo cando gobernan eles, pero convértese en inmoral cando perden”, apelando á necesidade de “superar o bloqueo e deixar atrás o sectarismo”.

Para avalar estas declaracións, referiuse as declaracións do nacionalista Antón Bao, que “recoñeceu publicamente a necesidade de cambios”, asegurando que “as cousas non estaban a funcionar ben”. Así mesmo, lembrou ao PSOE “que non pode dar leccións de moralidade” pondo como exemplo a denuncia de suposto acoso sexual contra o anterior presidente da Deputación, José Tomei.

“UNHA MENSAXE DE ESPERANZA”

O dirixente local do PP apuntou, ademais, que queda un ano para as próximas eleccións municipais, pero insistiu en que “precisamente por iso non se pode perder nin un mes máis” sen adoptar decisións que permitan canalizar a situación da cidade.

Fronte a este escenario, Carballo quixo trasladar unha mensaxe de “tranquilidade e esperanza”, asegurando que a súa formación está preparada para asumir o goberno municipal. “Lugo necesita estabilidade, liderado e un goberno centrado nas persoas”, afirmou, á vez que subliñou a vontade do Partido Popular de “gobernar para todos os lucenses” e ofrecer unha alternativa baseada na responsabilidade institucional.

O SILENCIO DE MARÍA REIGOSA

Pola súa banda, a concelleira non adscrita María Reigosa trasladou, nunha conversación con Europa Press, a súa intención de non facer ningún tipo de declaración nin comunicado polo momento sobre a situación política que provocou o seu achegamento ao Partido Popular. “Non quero facer ningún comunicado polo momento”, subliñou Reigosa, quen días atrás se abriu a apoiar esta iniciativa en declaracións públicas, aínda sen dala por pechada e asegurando que non sabía se finalmente “se atrevería” a apoiala.

Sobre os contactos da moción evitou pronunciarse a cúpula provincial, si o fixo o número dous do partido en Galicia, Paula Prado, para ratificar o seu apoio ás decisións que adopte o partido en Lugo, e limitouse a remitirse ás declaracións que, en días pasados, fixo o secretario provincial, Javier Vázquez Nodal, afirmando que a moción de censura está “totalmente xustificada” porque urxe “un cambio”.

En relación á xestión municipal actual, asegurara que é “ineficiente, que non hai un proxecto de cidade e que as prioridades están a ser claramente equivocadas”, asegurando que se estaban tendo conversacións con María Reigosa para un cambio de goberno.

CARMELA LÓPEZ VE “LAMENTABLE” A MOCIÓN DE CENSURA DO PP EN LUGO.

A presidenta da Deputación de Lugo e alcaldesa de Burela, pronunciouse deste xeito nunha entrevista concedida a Europa Press, cuxo contido íntegro será publicado o fin de semana, ao ser preguntada sobre o interese do PP local en presentar unha moción contra o goberno formado por PSOE e BNG, para o que necesita o apoio da concelleira exsocialista, agora non adscrita, María Reigosa.

Neste contexto, Carmela López aproveita para pór en valor o traballo do actual rexedor, compañeiro seu na corporación provincial na que é deputado e apela á responsabilidade da oposición. “É unha situación complicada, difícil e creo que a responsabilidade da oposición é garantir, a un ano das eleccións, que haxa estabilidade e que se poida traballar con tranquilidade” todo iso, sen renunciar a “facer oposición”.

PP: “A VER QUE ELIXE CANDIA”

A secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, ratificou que os populares lucenses, con Elena Candia á fronte, terán o apoio da formación que lidera Alfonso Rueda nas decisións que adopten en Lugo, en referencia á posibilidade de que formalice unha moción de censura coa firma de María Reigosa, a edila que deixou o PSOE.

De feito, en declaracións aos medios no Parlamento, onde tamén estivo presente Candia, dado que había pleno ordinario e é a vicepresidenta primeira da Cámara, admitiu de forma expresa os contactos e que, “fronte a unha situación de bloqueo e inestabilidade”, o PP de Lugo “está a explorar” a vía da moción de censura –para a que necesitan unha firma máis que a dos seus 12 edís–.

“Se neste momento hai unha posibilidade de ter 13, cremos que hai que aproveitar esa oportunidade para mellorar a situación dos lucenses”, defendeu o número dous do PP galego, quen lamentou as críticas de PSdeG e BNG fronte aos intentos dos populares de “reverter unha situación de bloqueo” e “solucionar os problemas dos lucenses”.

Prado lembrou que o PP “gañou as eleccións en Lugo” e quedou “a un puñado de votos da maioría absoluta, con 12 concelleiros –os mesmos que suman PSOE e BNG–. Por iso, interpretou que ten “a obrigación de responder as necesidades dos lucenses” e de tentar “mellorar a situación da cidade”.

“Os cidadáns que confirmaron no PP de Lugo non nos perdoarían que non fixésemos algo para mellorar a situación da cidade”, sentenciou, antes de cargar contra os líderes de PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e BNG, Ana Pontón, por acusar aos populares de “xerar inestabilidade”.

“Aquí o único que xerou inestabilidade foi o PSOE cando perdeu as eleccións. A súa alcaldesa tardou sete meses en deixar a Alcaldía e vir ao Parlamento. Lara Méndez tivo a oportunidade de elixir entre Lugo e o Parlamento, e elixiu o Parlamento. Veremos agora, se se dá a circunstancia de que Elena Candia teña que elixir o Parlamento e Lugo, que elixe”, advertiu.

+ posts

ÚLTIMAS

Convocou a Xunta unha praza específica para María Reigosa en Medio Ambiente?

PSOE e BNG de Lugo fixeron público un comunicado conxunto no que esixen á...

Arroxo reclama saber que “tipo de beneficio” tería Reigosa se apoia a moción de censura

O tenente de alcalde do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, reclamou este martes aclaracións...

O Eixo Atlántico analiza en Lugo a resiliencia urbana fronte ás crises internacionais e o encarecemento da enerxía

O Consello Estratéxico do Eixo Atlántico analizou este martes en Lugo a resiliencia dos...

A Deputación presenta na poxa de Pedrafita cinco xovencas da Granxa Gayoso Castro

  O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, asistiu este xoves á poxa de xovencas...