InicioPolíticaO PP de Guitiriz amplía a denuncia contra a alcaldesa por posibles...

O PP de Guitiriz amplía a denuncia contra a alcaldesa por posibles “irregularidades en documentos oficiais”

Os responsables da oposición afirman que nas actas di que presidiu unha reunión da Xunta de Goberno "pero estaba de viaxe oficial en Xirona"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Partido Popular de Guitiriz anunciou este mércores a ampliación da denuncia presentada contra a alcaldesa socialista, Marisol Morandeira, por presunta falsidade documental, “tras a aparición de nova documentación”.

O portavoz municipal, José Manuel López Rodríguez, explicou que esta decisión se fundamenta en datos oficiais que apuntan a unha posible incompatibilidade entre a presenza da rexedora nun acto institucional fóra de Galicia e a súa suposta asistencia, e mesmo presidencia, dunha xunta de goberno local celebrada ese mesmo día en Guitiriz.

Os feitos remóntanse ao 4 de febreiro de 2026, data na que, segundo a información solicitada, a alcaldesa atopábase en Caldes de Malavella (Xirona) participando nun evento en comisión de servizo. Con todo, existe unha acta municipal desa mesma xornada na que figura como asistente e presidenta da sesión da xunta de goberno.

Desde o grupo popular consideran que esta coincidencia resulta dificilmente compatible e volve xerar dúbidas sobre a veracidade da documentación municipal. Ademais, subliñan que na acta non consta ningún indicio de que a reunión se celebrase de forma telemática, “xa que non se especifica o sistema utilizado, nin a acreditación de identidade dos participantes, nin posibles incidencias técnicas, requisitos esixidos pola normativa vixente neste tipo de sesións”.

O portavoz lembrou que a lexislación limita as reunións telemáticas a supostos excepcionais e esixe garantías formais que, ao seu xuízo, non se reflicten na documentación analizada. Neste sentido, sinalou que, mesmo no caso de que se pretendese xustificar a celebración a distancia, non existe constancia de que se cumprisen os requisitos legais necesarios.

Esta ampliación súmase a unha denuncia previa relacionada con feitos similares ocorridos en decembro de 2025, cando, segundo o PP, a alcaldesa asinaría a súa asistencia a outra xunta de goberno mentres se atopaba fóra do país, nunha viaxe privada, xunto a outros veciños, percibindo ademais as correspondentes dietas.

PRÁCTICA DE DILIXENCIAS

Ante esta situación, o PP de Guitiriz considera que os feitos poderían ter relevancia xudicial, “ao implicar a posible inclusión de datos non veraces en documentos oficiais ou a adopción de acordos en condicións irregulares”. Por iso, solicitaron ao xulgado a práctica de distintas dilixencias, entre elas a remisión do expediente completo da sesión, a comprobación dos documentos electrónicos orixinais e un informe do secretario municipal sobre as circunstancias nas que se celebrou a reunión.

José Manuel López insistiu en que non se trataría dun caso illado, senón dunha posible reiteración de condutas, e defendeu que o seu grupo actúa co obxectivo de garantir a legalidade, a transparencia e a correcta xestión dos recursos públicos en beneficio dos veciños de Guitiriz.

+ posts

ÚLTIMAS

Rueda defende a moción en Lugo entre acusacións de “comprar poder” e “incumprir” os estatutos do PP

A sesión de control do Pazo do Hórreo anticipou este martes o guión que...

Abre a estrada que conecta Vilalba e Chavín pola Balsa despois de arranxar unha ponte

A Deputación vén de reabrir ao tráfico a estrada LU-P-6502, que conecta Vilalba e...

Case 20 actividades no Arde Lvcvs Cvltvral para celebrar o 25 aniversario da festa

O Arde Lvcvs Cvltvral despregará este ano unha programación con preto de 20 actividades...

Lugo estreará “As rúas do vento ceibe”, proxecto musical con máis de 300 voces arredor de poemas de Manuel María

O Auditorio Fuxan Os Ventos de Lugo acollerá o vindeiro 15 de maio o...