A Policía Local de Lugo denunciou ao responsable dunha vertedura ilegal na cidade, que supostamente depositou diversos restos de obra en colectores de residuos domésticos.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron o pasado venres cando, no marco das actuacións para vixiar vertedoiros ilegais, a Policía recibiu un aviso e acudiu á parroquia de Coeses.
Alí observou a unha persoa que deixaba nos colector cables, lámpadas de xenón, louza sanitaria, e outros residuos de obra. Os axentes comprobaron que tamén había este tipo de restos noutros colectores da zona.
A Policía comprobou que eses restos procedían dunha obra de rehabilitación dunha vivenda próxima, polo que se identificou ao responsable da vertedura, que foi denunciado por infracción á lei de residuos de Galicia.
INTERVENCIÓNS POR DROGAS
Por outra banda, a Policía Local de Lugo informou de dúas intervencións por posesión de drogas. A primeira delas produciuse durante un operativo nocturno, na madrugada do domingo, cando unha patrulla que interviña debido a unha infracción de tráfico, decatouse dun forte cheiro a marihuana no interior dun coche.
Os axentes cachearon aos ocupantes do vehículo e atoparon, no peto do condutor, unha bolsa con cannabis. A droga foi intervida e tramitouse a correspondente denuncia por infracción á lei de protección cidadá.
Así mesmo, tamén o domingo, foi denunciada unha moza por consumir droga na vía pública.
