O Xulgado do Penal número 2 de Lugo suspendeu este mércores o xuízo contra un mozo que está acusado de tentar roubar a compra a un veciño da cidade e á súa filla utilizando a violencia.
A vista non puido celebrarse, xa que o acusado, que tiña unha condena anterior por un delito de roubo con forza, está en requisitoria e non acudiu á sesión, que quedou emprazada novamente para o 17 de xuño.
Os feitos remóntanse ao ano 2023, cando pai e filla, esta de 22 anos, chegaron á casa de realizar unha compra nun supermercado e atopáronse no portal co acusado.
Este, tal e como defenden as vítimas, tentou facerse con varias bolsas da compra e, “como non o conseguiu”, abalanzouse sobre o home, golpeándoo e tirándoo ao chan “onde lle propinou varias patadas no costado”.
A maiores, cando a filla tentou auxiliar ao seu pai, “tamén recibiu un empuxón”. Por iso, a Fiscalía solicita para o acusado a pena de catro anos de prisión, aos que se suman dous delitos leves de lesións, aos que se corresponde unha multa de 540 euros e a prohibición de achegarse ás dúas vítimas a menos de 500 metros nun prazo de seis meses.
NOVE MESES DE PRISIÓN POR GOLPEAR A DOUS AXENTES
Tamén se celebrou na mesma salga o xuízo contra un home de 39 anos acusado de atentado contra axentes da autoridade, neste caso dous policías nacionais que acudiron á Rolda da Muralla onde o home estaba tirado no chan, cos brazos en cruz, ocupando un dos carrís de circulación.
Este feito, que tivo lugar na madrugada do 23 de xuño de 2023, acabou co home golpeando aos dous axentes, aos que gritou dicindo: “Non me facedes nin puto caso, que teño que facer para que me fagades caso, pegarvos?”.
Pola súa banda, o acusado alegou unha adicción ao alcol e que ese día consumira “provocándolle unha afectación das súas facultades”. A Fiscalía solicita para el nove meses de prisión.
