InicioPolíticaO PSdeG reclama á Xunta unha solución ante "a extrema gravidade" de...

O PSdeG reclama á Xunta unha solución ante “a extrema gravidade” de Urxencias no HULA

A deputada Lara Méndez enmarca o que está a acontecer no HULA nun contexto máis amplo. “As Urxencias hospitalarias galegas levan anos soportando unha presión crecente sen que exista un plan estrutural de reforzo"

PUBLICADA O

- Advertisement -

A deputada do PSdeG Lara Méndez López vén de rexistrar no Parlamento unha iniciativa para esixir á Xunta unha intervención inmediata no Servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), ante unha situación que cualifica de “extrema gravidade” e que, segundo sinala, “non é un feito illado, senón o reflexo dun modelo sanitario esgotado en Galicia”.

Méndez expresa o seu apoio ás reivindicacións do persoal de enfermaría, Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAE) e celadores/as do centro lucense, que veñen denunciando sobrecarga asistencial, falta de recursos materiais básicos e carencias nas medidas de seguridade. “Non están defendendo intereses corporativos. Están defendendo a seguridade das persoas pacientes e a dignidade do seu traballo”, subliña.

A parlamentaria socialista advirte de que a recente reorganización no HULA realizouse sen diálogo real cos profesionais e cunha planificación desequilibrada, ao reforzar persoal médico sen incorporar o correspondente reforzo en enfermaría, TCAE e celadores. “Iso rompe o equilibrio asistencial e compromete a calidade da atención”, afirma.

Entre as deficiencias sinaladas figuran a insuficiente dotación en Urxencias 3, nos boxes de Críticos, na área de Observación e nas quendas nocturnas; a falta de equipamento básico por box; carencias nos sistemas de chamamento que garantan a confidencialidade; e un incremento das situacións de tensión e agresións sen resposta suficiente en materia de seguridade.

Un problema estrutural

Lara Méndez enmarca o que está a acontecer no HULA nun contexto máis amplo. “As Urxencias hospitalarias galegas levan anos soportando unha presión crecente sen que exista un plan estrutural de reforzo. O que vemos en Lugo é a consecuencia directa dunha política continuada de recortes en persoal, precarización e ausencia de planificación a medio prazo”, sinala.

A iniciativa socialista reclama que a Xunta presente no Parlamento un plan integral de reforzo das Urxencias hospitalarias de Galicia, con financiamento suficiente, contratación estable e mellora das condicións laborais, prestando especial atención tanto aos hospitais de referencia como aos comarcais.

Ademais, esixe a revisión inmediata das ratios de persoal non médico no HULA, o reforzo das medidas de seguridade física no Servizo de Urxencias e a apertura de mesas de traballo estables cos profesionais para que participen nas decisións organizativas que afectan directamente á asistencia sanitaria.

“A sanidade pública non se sostén con anuncios nin con propaganda. Sostense con planificación, recursos e respecto polos profesionais”, conclúe Méndez, que reclama á Xunta “unha resposta inmediata e transparente ante unha situación que afecta á calidade asistencial e á confianza da cidadanía no sistema sanitario público galego”.

+ posts

ÚLTIMAS

Pena Nogueira recibe a V Edición de Ciencia na Aldea con investigadores de España e Portugal

O Pazo de San Marcos acolleu esta tarde a presentación da quinta edición de...

A Deputación de Lugo aposta polos monólogos e o humor reflexivo no seu programa de loita contra o machismo

O humor e a reflexión feminista serán eixo dunha programación que estrea a Deputación...

Renfe usará buses para os viaxeiros da liña Ourense-Monforte-Lugo do día 22 ao 26 de abril

Renfe habilitará un servizo alternativo de transporte por estrada na liña Ourense-Monforte-Lugo do 22...

O PP de Vilalba “abre as portas” a unha moción de censura contra a alcaldesa Marta Rouco

O Partido Popular de Vilalba advirte que, á vista do resultado da cuestión de...