A A-6, ao seu paso polo municipio lucense de Baralla, rexistrou a pasada noite dous accidentes con varios feridos nun curto período de tempo, o que obrigou a cortar a vía durante varias horas. Tal e como confirmou o 112 Galicia, o primeiro aviso chegou ás 20.45 horas, cando un vehículo chocou contra o lateral da vía no quilómetro 461 da A-6.
Uns cinco minutos máis tarde produciuse un segundo accidente no mesmo punto, no que se viron implicados un vehículo articulado e un turismo. Nel, segundo precisou a Garda Civil, rexistráronse varios feridos, entre eles o condutor do camión, aínda que “non se teme pola súa vida”.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Sarria e da Garda Civil. A vía permaneceu cortada en ambos os sentidos —A Coruña e Madrid— desde as 21.00 horas ata as 8.00 da mañá deste sábado. Durante ese tempo, o tráfico foi desviado pola N-6.
