InicioPolíticaO Supremo dá a razón ao PP de Lugo e obriga a...

O Supremo dá a razón ao PP de Lugo e obriga a que o Pleno avale a entrada da Deputación en Tragsa

O alto tribunal fixa doutrina e conclúe que a decisión tiña unha transcendencia organizativa e económico-financeira, polo que non podía adoptarse só pola Presidencia.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Tribunal Supremo estimou o recurso de casación do Grupo Provincial do PP de Lugo contra a sentenza do TSXG que avalaba a entrada da Deputación de Lugo no accionariado de Tragsa, ao considerar que esa decisión debía pasar necesariamente polo Pleno da corporación pola súa transcendencia organizativa e económico-financeira. Nunha sentenza datada o 22 de xaneiro, o alto tribunal conclúe que a adquisición dunha participación en Tragsa e a utilización desta entidade como medio propio a través dun sistema de cooperación vertical supón unha decisión con clara transcendencia organizativa.

Segundo o fallo, optar polo uso dun medio propio personificado constitúe unha decisión organizativa, nos termos do artigo 31 da Lei de Contratos do Sector Público, o que enlaza directamente coa potestade de autoorganización das entidades locais, atribuída ao Pleno polo artigo 33.2.a) da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local.

Por todo iso, o Supremo considera que non é suficiente a mera adquisición dunha acción nin un acordo da Presidencia, senón que resulta imprescindible un pronunciamento expreso do Pleno como requisito habilitante para integrar unha sociedade como medio propio. Con esta resolución, o Supremo fixa doutrina e aclara a repartición competencial no ámbito local cando se opta por sistemas de cooperación vertical con medios propios personificados, incluso en supostos de control análogo conxunto sobre sociedades do sector público estatal.

O PP CELEBRA A SENTENZA

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, os tres últimos portavoces do Grupo Provincial Popular na Deputación, Elena Candia, Javier Castiñeira e Antonio Ameijide, celebraron que o Supremo estime as pretensións formuladas polo PP. Segundo afirmaron, tanto a presidenta da Deputación, Carmela López, como o expresidente José Tomé, así como PSOE e BNG, “teñen que asumir que non están por riba da lei”.

“O Tribunal Supremo di alto e claro que o sectarismo e a actitude ditatorial á fronte do goberno da Deputación non teñen cabida na lei e bota por terra as decisións adoptadas”, manifestaron, acusando ao executivo provincial de “saltar a lei de contratos, os procedementos de contratación e a libre concorrencia”.

Os populares reivindicaron que esta sentenza reforza o seu papel como garantes da legalidade e abriron varias incógnitas: que pasará coa participación en Tragsa, cos encargos xa realizados e cos traballos que debían ser subrogados. Ademais, lamentaron que “de novo a Deputación de Lugo sexa exemplo a nivel nacional do que non se debe facer” e cuestionaron se haberá responsabilidades políticas, que ao seu xuízo “deberían existir”.

A DEPUTACIÓN ACUSA AO PP DE TERXIVERSAR A SENTENZA

Pola súa banda, a Deputación de Lugo respondeu cun comunicado no que acusa ao PP de “mentir e tentar enganar” sobre o alcance da sentenza. Segundo o goberno provincial, o fallo do Supremo non anula nin invalida o acordo, senón que se limita a determinar que a competencia para adoptar a decisión inicial correspondía ao Pleno e non á Presidencia, nunha cuestión que cualifica de interpretativa e non expresamente regulada.

Neste sentido, asegura que a actuación da Deputación foi “coherente, prudente e validada”, xa que o Pleno se pronunciou con anterioridade mediante unha ratificación ‘ad cautelam’, anticipándose para garantir a legalidade. Ademais, subliña que a sentenza non declara a nulidade dos encargos a Tragsa, polo que considera “xuridicamente inexacto” afirmar o contrario.

En conclusión, o Executivo provincial sostén que a estimación do recurso foi parcial e limitada a unha cuestión competencial, sen efectos invalidantes nin consecuencias prácticas, e recalca que o Supremo non deu a razón ao PP nas cuestións nucleares que defendía.

ÚLTIMAS

Falece unha persoa ao caer co seu coche ao río no centro de Sarria

Unha persoa perdeu a vida na tarde deste venres tras sufrir un grave accidente...

O Goberno adxudica o proxecto para construír 13 vivendas de aluguer alcanzable en Pedrafita do Cebreiro

Casa 47, a Entidade Estatal de Vivenda adscrita ao Ministerio de Vivenda e Axenda...

A exsocialista Reigosa volve apoiar unha enmenda do PPdeG, aínda que apoiou os orzamentos para 2026

O pleno municipal extraordinario celebrado este venres en Lugo deu o visto e prace...

O Concello de Lugo pide evitar as zonas inundables ante a crecida do Miño

O Concello de Lugo realizou este venres un chamamento á cidadanía para que evite...