InicioPolíticaA exsocialista Reigosa volve apoiar unha enmenda do PPdeG, aínda que...

A exsocialista Reigosa volve apoiar unha enmenda do PPdeG, aínda que apoiou os orzamentos para 2026

O PPdeG pedía a bonificación do IBI e a supresión da plusvalía nas áreas de expansión previstas na PXOM.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno municipal extraordinario celebrado este venres en Lugo deu o visto e prace aos orzamentos para 2026, na súa aprobación inicial, para un montante total de 131,9 millóns de euros. As contas lograron o apoio dos concelleiros nacionalistas e socialistas, incluída María Reigosa, que abandonou o partido en datas recentes e que comunicara xa a súa intención de apoialos.

A sorpresa da xornada protagonizouna de novo esta concelleira, a última en incorporar, apoiando unha das catro emendas do PP que se trataron, ao contrario que fixo o PSOE. Pola súa banda, os ‘populares’ votaron en contra das contas, como tamén anunciaran, baseando a súa argumentación nos “40 millóns de débeda viva que deixa” e na sucesión de “gastos innecesarios”. Apelaron á falta de legalidade das mesmas, “que claramente critica o informe de Intervención porque non cumpren co equilibrio entre os gastos e os ingresos”.

Durante o debate de presentación por parte do equipo de goberno, explicouse de novo que se presentaban uns orzamentos que recollían importantes investimentos, un total de 17,7 millóns de euros, así como un gasto social de 6,4. Tanto Ana González Abelleira, en nome do PSOE, como Rubén Arroxo, nas áreas do BNG, deron conta das principais actuacións que levarán a cabo con estas contas. Sen moito debate, debido tamén ao “precipitado” da tramitación, como argumentou a líder do PP, Elena Candia, as contas conseguiron os 13 votos que lle permitiron continuar o proceso para a súa aprobación final proximamente.

A POLÉMICA ESTIVO NAS EMENDAS

A pesar do voto en contra do PP aos orzamentos, a oposición logrou a aprobación das catro emendas que levaron a pleno, as únicas que pasaron o filtro da Comisión de Contas do martes. A sorpresa da xornada estivo na que se pedía a bonificación do IBI e a supresión da plusvalía nas áreas de expansión previstas na PXOM, que apoiou a concelleira socialista María Reigosa, á beira do PP, ao entender que “se trata dunha medida de xustiza fiscal”.

Explicou a concelleira que os propietarios, aínda que non poden construír, teñen que pagar o IBI como solo urbano. “O Concello ten a responsabilidade de actuar cando se producen cobros indebidos a particulares e non pode aproveitar unha situación inxusta para lucrarse“, explicou.

Defendeu o seu apoio a concelleira ante o pleno asegurando que a medida non podería aplicar até 2027 (o IBI aplícase con data 1 de xaneiro), polo que non afecta á estabilidade orzamentaria de 2026, pero debe desenvolver ao longo deste ano, contestando así á defensa socialista que aseguraba “estar comprometidos coa situación” pero que era un “risco económico e podía romper o equilibro das contas”.

Aprobáronse as outras tres por unanimidade, xa que o PSOE aceptou incluír no documento o pago das axudas a colectivos de forma adiantada, así como o abastecemento de Esperante. A actuación de urxencia en Fermín Rivera, que defendeu María Reigosa en contra do grupo de goberno na comisión, tamén contou coa unanimidade do grupo.

 

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo pide evitar as zonas inundables ante a crecida do Miño

O Concello de Lugo realizou este venres un chamamento á cidadanía para que evite...

O proxecto eólico Cordal de Ousá ameaza a única poboación reprodutora de mazarico real na Península

A asociación ecoloxista ADEGA alerta dos graves impactos ambientais, patrimoniais e sobre a biodiversidade...

A Xunta anuncia 1.200 vivendas públicas en 22 bloques no residencial do Sagrado Corazón de Lugo

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este luns...

A crítica edil María Reigosa apoiará os orzamentos de Lugo “por responsabilidade”

A concelleira de Lugo María Reigosa, que pediu recentemente a baixa do PSOE, resolveu...