A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou nunha sesión formativa do programa estatal “A Administración Cerca de Ti”, celebrada na Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar, no concello de Sarria. Esta iniciativa do Ministerio de Política Territorial, en colaboración coa FEMP, retomouse en todo o territorio nacional co obxectivo de seguir achegando a Administración á cidadanía, especialmente nos municipios rurais.
A subdelegada subliñou que esta iniciativa reflicte “o compromiso do Goberno por abrir a Administración á cidadanía e garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, teñan acceso aos mesmos recursos e servizos públicos”. Neste sentido, fixo fincapé na relevancia de impulsar a capacitación dixital para que ninguén quede atrás nun contexto no que cada vez máis procedementos se realizan de forma telemática.
López tamén puxo o acento na necesidade de reforzar a presenza do Estado no territorio e atender as particularidades dunha provincia como Lugo, caracterizada pola súa dispersión xeográfica e o avellentamento da poboación. “Achegar estes servizos ao rural é fundamental para fortalecer a cohesión territorial, reducir a fenda dixital e facilitar o día a día da veciñanza”, sinalou.
Durante a xornada, persoal da Administración desprazouse ata a localidade para informar e formar á veciñanza sobre o uso dos servizos públicos dixitais, resolver dúbidas e facilitar a realización de trámites administrativos esenciais. Entre eles, destacan a obtención do certificado dixital ou o acceso ao sistema Cl@ve, ferramentas imprescindibles para relacionarse electronicamente coa Administración.
“A Administración Cerca de Ti” enmárcase nas políticas do Goberno orientadas a dar resposta aos desafíos demográficos e a avanzar cara a unha relación máis directa, sinxela e moderna coa cidadanía, ofrecendo información, formación e acompañamento no acceso aos servizos públicos.
