A concelleira de Lugo María Reigosa, que pediu recentemente a baixa do PSOE, resolveu este xoves as dúbidas sobre a aprobación dos orzamentos municipais no pleno extraordinario convocado para este vierne ao asegurar que votará afirmativamente e que o fará “por responsabilidade”. Así o manifestou este xoves a concelleira, que recentemente se situou co PP nunha votación no último pleno, fóra da disciplina do partido tras acceder ao cargo hai uns meses. De feito, abandonou o PSOE hai unhas semanas, aínda que se mantén como concelleira.
María Reigosa lembrou que o pasado 21 de xaneiro manifestou publicamente que votaría a favor dos orzamentos municipais. “E esa continúa sendo hoxe a miña posición”, subliñou. Por tanto, asegurou que este venres, no pleno que está convocado ás 10.00 horas, manterá o voto de apoio. “A responsabilidade e a seriedade no exercicio da función pública guían as miñas decisións, desde unha forma de actuar baseada na coherencia e no respecto á palabra dada”, destacou nun comunicado afirmando que ten intención en “contribuír á estabilidade institucional e ao correcto funcionamento do Concello, pensando sempre no mellor para Lugo e para os seus veciños e veciñas”.
PSOE e BNG manifestáronse o pasado mércores convencidos de que os orzamentos contarán co respaldo suficiente para ser aprobados. Alegaron que só se presentaron emendas que supoñen menos de 1 % do total das contas, que ascenden a 131,9 millóns de euros, “polo que podemos interpretar que o grupo da oposición está de acordo co resto”, explicaba este mércores o seu portavoz, Ana González Abelleira.
