As choivas caídas nas últimas semanas, unidas ao estado de deterioración da edificación, causaron este mércores un “grave desprendemento” da Torre de Torés, unha construción patrimonial situada no municipio lucense das Nogais. Así o denunciaron desde a asociación Patrimonio dos Ancares, que alertaron do risco que supón a situación para os curiosos que se acheguen na zona, dado que poderían producirse novos desprendementos.
Este colectivo, xunto coa Asociación Val de Torés, levan tempo “advertindo do pésimo estado” desta construción, declarada Ben de Interese Cultural (BIC), así como dos desprendementos que xa se rexistraron en anteriores ocasións. “Debido ás choivas, o que denunciamos reiteradamente, sucedeu”, apunta o colectivo, que afirman que avisaron telefonicamente ao alcalde para solicitarlle que se protexa a zona, así como a Patrimonio “para que teña coñecemento da situación”.
Consultadas acerca desta cuestión, fontes da Consellería de Cultura indicaron a Europa Press que, polo momento, “non se recibiu” na Dirección Xeral “ningunha comunicación oficial sobre este asunto”. A fortaleza medieval, que data do século XVI, é propiedade da Casa de Medinaceli, que a cedeu no ano 2013 ao Concello por un período de 25 anos para a súa posta en valor, pero as entidades apuntan a que non se levaron a cabo accións para evitar a súa deterioración.
