A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, denuncia que os traballadores do Concello volven a estar sen cobrar as súas nóminas, situación que xa se dera o ano pasado cos salarios correspondentes ao mes de agosto, polo que esixe a Lino Rodríguez “traballo para garantir que as nóminas se pagan no día de hoxe”.
Para Nicole Grueira “é insostible” a xestión que está a realizar o alcalde socialista do Concello de Pol, que “cada día evidencia que non está capacitado para seguir nin un día máis á fronte do Concello”, a pesar de que a semana pasada Lara Méndez o puxese como exemplo de boa xestión: “se esta é a xestión da que presumen no PSOE é para botarse a temblar pensando naqueles dos que non presumen”.
Nicole Grueira recorda que, como calquera traballador, os empregados do Concello de Pol “teñen que cobrar polo traballo realizado”. “O alcalde ten que deixarse de escusas porque ademais dos salarios non abonados aos traballadores municipais hai que ter en conta as innumerables facturas de autónomos e pequenos empresarios que están sen pagar, a pesar de que realizaron os seus traballos”, denuncia.
Para a voceira popular esta situación “é totalmente anómala” e “non debe consentirse nunca, moito menos nunha administración pública”. Neste senso, Grueira recorda que o Concello de Pol non aproba uns orzamentos dende o ano 2022, “a pesar de que o alcalde ten maioría no pleno polo que, aparentemente, non debería de ter problema algún para aprobar en tempo e forma as contas do Concello cada ano, pero pode ser un indicativo que dentro do seu equipo de goberno cada vez ten menos apoios”.
“Un alcalde responsable e comprometido cos seus veciños se preocuparía de ter en bo estado as pistas e camiños municipais, garantiría que os traballadores do Concello e todas aquelas persoas que realizan traballos para a administración cobran en tempo e forma e, por suposto, non destinaría os recursos económicos existentes aos seus caprichos”, sentenciou.
