Axentes da Policía Nacional de Lugo detiveron na cidade a un empresario de transportes como presunto autor dun delito contra os dereitos dos traballadores. A investigación iniciouse tras a denuncia dun cidadán estranxeiro, que explicou que fora traído a España coa promesa dun traballo legal. O empresario aseguráralle que el mesmo tramitaría a regularización da súa situación administrativa.
Unha vez en Lugo, o empregado comezou a traballar sen contrato, sen estar dado de alta na Seguridade Social e sen ter a formación axeitada para o posto que desempeñaba. As tarefas, explicou a Policía, “eran de gran dureza física”, e con xornadas que se alongaban desde primeira hora da mañá ata última hora da tarde, de luns a venres.
A vítima denunciou as condicións inaxeitadas nas que traballaba, con excesivo po, sen proteccións e sen as ferramentas ou medios axeitados para desempeñar o seu labor, e cobrando un salario moi por baixo do pactado, chegando a producirlle unha “situación de precariedade a nivel persoal e laboral”. As pescudas permitiron identificar e deter ao empresario, dono dunha firma de transportes, que foi posto a disposición xudicial.
