InicioCulturaLugo convértese no epicentro do cine galego cunha ambiciosa programación previa aos...

Lugo convértese no epicentro do cine galego cunha ambiciosa programación previa aos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual presenta dous meses de actividades gratuítas que inclúen a estrea do Premio Especial do Público e o anuncio de finalistas o 3 de febreiro.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer en Lugo o programa de actividades que se desenvolverá durante os meses de febreiro e marzo como antesala da gala dos Premios Mestre Mateo, que terá lugar o 21 de marzo na cidade amurallada nunha sesión aberta ao público. A presentación tivo lugar este mércores coa participación de representantes da Academia e das institucións colaboradoras, como a súa presidenta e vicepresidenta, Lucía Veiga e Carmen Méndez, canda cargos da Deputación de Lugo, Efrén Castro e Iria Castro, e do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro, que destacaron a importancia de “converter a cidade nun punto de encontro para o sector audiovisual galego”.

Un dos momentos clave chegará o próximo 3 de febreiro, cando desde O Vello Cárcere se anunciarán os finalistas desta edición. Por primeira vez, o acto estará aberto ao público e contará coa participación do comunicador Juan Fuentes e da actriz Andrea Fernández. Durante este evento tamén se desvelará a identidade das persoas que presentarán a gala, un dato que a Academia mantén en segredo ata ese momento.

Tras o anuncio de finalistas, Lugo acollerá proxeccións gratuítas das películas e documentais seleccionados nos Cinemas Códex. As sesións, que se celebrarán en distintas datas entre febreiro e comezos de marzo, incluirán encontros cos equipos das obras e coloquios moderados pola guionista Clara Coira. As persoas asistentes poderán participar ademais na iniciativa Pasaporte Mestre Mateo, que permitirá obter un obsequio oficial e unha entrada para seguir en directo a gala do 21 de marzo.

ENCONTROS PROFESIONAIS E O NOVO PREMIO DO PÚBLICO

A programación complétase con charlas e encontros que permitirán coñecer o funcionamento interno do evento. O 20 de febreiro, responsables da organización e comunicación da gala ofrecerán unha charla na Deputación de Lugo sobre as reviravoltas dos premios. O 5 de marzo, o Auditorio do Vello Cárcere acollerá un encontro cos presentadores da gala e coa persoa galardoada co Premio de Honra, conducido polo comunicador Pepe Capelán.

Como gran novidade desta edición, o público poderá votar por primeira vez a súa película favorita entre as finalistas, dando lugar ao Premio Especial do Público. Este galardón entregarase xunto a outros recoñecementos especiais de promoción da lingua e fomento da sustentabilidade o 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).

A gran cita, a gala dos Premios Mestre Mateo, celebrarase o 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos, coa asistencia dunhas 900 persoas. A velada incluirá a tradicional alfombra vermella e reunirá a profesionais do sector e representantes do ámbito cultural. Ademais, organizarase un espectáculo en directo para seguir a cerimonia desde o propio auditorio, presentado polo cómico Rafa Durán, con sorpresas e actividades para o público como un photocall. Todas as actividades previas son de libre asistencia e gratuítas ata completar a capacidade, e para asistir é posible reservar praza contactando coa Academia Galega do Audiovisual por correo electrónico ou teléfono.

+ posts

ÚLTIMAS

Rueda defende a moción en Lugo entre acusacións de “comprar poder” e “incumprir” os estatutos do PP

A sesión de control do Pazo do Hórreo anticipou este martes o guión que...

O PP acusa á Deputación de financiar con fondos públicos á Federación de Veciños e os ‘hooligans’ da directiva

Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular de Lugo amosaron hoxe a súa...

A plataforma contra o transfuguismo convoca unha nova protesta antes da moción de censura en Lugo

A plataforma ‘Transfuguismo Non, Democracia Si’ convocou unha terceira concentración para protestar contra a...

A Deputación presenta a campaña de divulgación sobre a eclipse total de sol do 12 de agosto

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, presentou esta tarde na Sala de...