Un profesor da USC aceptou este luns unha pena dun ano e once meses de cárcere, aínda que non irá a prisión, tras recoñecer estafar á Universidade pasando ao cobro facturas por servizos que non se realizaron un total de 9.500 euros, que xa devolveu. O autor dos feitos tiña o cargo de doutor no Departamento de Enxeñaría Forestal no campus de Lugo e era funcionario público. Na súa condición de investigador, era tamén o responsable de autorizar o gasto do diñeiro que procedía dun convenio coa empresa irlandesa Irish Distillers Limited e que debía destinarse exclusivamente á certificación e acreditación da sustentabilidade de bosques de carballos en Galicia.
Así, o profesor recoñeceu ordenar o pago de ata seis facturas á empresa Pedreda Avol SL, creada en 2017 e da que era administrador único. Especificou o fiscal que simulara a contratación de servizos de asesoramento técnico para a xestión do proxecto universitario durante ese ano e o seguinte. Pola súa banda, estaba tamén acusado de adquirir bens e servizos de uso persoal con cargo a esa partida orzamentaria e recoñeceu falsear unha factura persoal e allea ao proxecto cambiándolle o concepto e conseguindo así que a USC lle reintegrase 1.245 euros máis. En total, foi acusado de quedarse indebidamente con 9.500 euros, cantidade de diñeiro que xa reintegrou á Universidade, o que serviu de atenuante á hora de recibir a súa pena e que evitará o seu ingreso en prisión. Tamén foi inhabilitado para emprego público durante dous anos e un día.