Hai cousa dun mes e medio, a Sociedade Protectora de animais e plantas de Lugo tivo un forte brote de panleucopenia que afectou aos seus gatos. Trátase dun virus moi contaxioso entre os felinos, que tal e como comprobaron, pode ter consecuencias mortais. Entre os síntomas están a febre, vómitos, anorexia, apatía ou falta de hidratación. É entre os meses de abril a outubro cando hai máis crías, segundo explica a veterinaria da Protectora, o cal implica que non teñen aínda suficientemente desenvolvido o sistema inmunolóxico. “Foi unha epidemia dunha enfermidade moi mortífera para os gatos, que ocasionou moitas baixas. Todos os anos hai, pero neste houbo máis dos habituais. Tiñamos sobre 50 gatos no albergue, que houbo que vaciar”, comenta Alberto Losada, presidente da Protectora.
No seu momento tiveron que pedir axuda urxente, a través das redes sociais principalmente, para que os gatos puidesen ir a casas de acollida nun “tema de vida ou morte para eles”, xa que nas instalacións era moi difícil ter garantías ante os focos de contaxio. “A resposta foi moi boa e leváronos a todos temporalmente. Os gatos afectados desde o tratamento, teñen un período de eliminar o virus que pode prolongarse ata seis semanas. Vaciamos o albergue completamente”, explica e destaca o labor de desinfección e limpeza das instalacións e do bo facer dos voluntarios.
A situación foi moi difícil, pero saíron para adiante e continuaron facendo probas diagnósticas aos gatos que sobreviviron ata que xa deron negativo: “Foi un brote forte e perdemos case o 25% da poboación que tiñamos nese momento, atacaba aos gatos máis pequenos con defensas baixas e abandonados en malas condicións. Hoxe hai vacinas para a panleucopemia, a principal forma de previr”. O Galicia Confidencial visitou as instalacións e había arredor de 15 gatos, cada un nas súas xaulas co necesario, pero agardando saír de aí en busca dun fogar.
A epidemia vivida puxo de manifesto, segundo recoñece o presidente, a necesidade de dispór dunha “zona de illamento para gatos”. Algo que tería que estar no que sería a nova protectora ou nunha reforma da actual. Así, expón: “Temos que ir cos tempos, hai convenios firmados co concello, que non teñen o texto renovado. Os gatos nin se contemplaban e dábase por feito que non eran un animal, como para mandar un vehículo da protectora a buscalo. Iso cambiou, aínda que non se contemplara, e coa nova Lei de Benestar Animal, os convenios son tanto para cans como para gatos”.
A PROBLEMÁTICA ACTUAL COS GATOS
“Nos últimos tres anos, o número aumentou de forma esaxerada, pasamos de recoller todos os anos ao mellor 120 gatos a 250 anuais”, afirma Alberto Losada. De primeiras, considera que hai maior sensibilización da xente con respecto aos gatos, lonxe dese pensamento arcaico de “son gatos da rúa, búscanse a vida e comen ratos”. Hoxe en día, sinala, alguén ve un gato en mal estado pola rúa e chaman á protectora: “Loxicamente temos que ir buscalo e tratar de solucionar o problema sanitario que teña, porén non se está cumprindo a Lei no tema das colonias felinas”.
No Concello de Lugo é a asociación Michos de Lugo a que ten un “convenio e presuposto anual” para atender ás colonias felinas. Segundo explica o director da protectora, este presuposto “queda curto en relación aos gatos que hai”. Polo tanto, están ben atendidas e controladas aquelas colonias onde chega o presuposto, pero hai outras que non. “Penso que gran parte do problema é que segue aumentando o número de gatos da rúa e non se esterilizan, claro custa cartos”, manifesta e destaca a situación dos gatos nos concellos da zona rural: “O tratamento das colonias felinas nin está nin se lle agarda, no rural non se está facendo nada e moitos gatos se agrupan nunha zona e van subsistindo ou morrendo”.
Durante a visita, reiteran o “eterno problema da falta de instalacións para gatos”, xa que contan cunhas catro habitacións onde están en xaulas medianamente amplas “con todo o mellor que lles poden dar”. Lamenta que, aínda con toda a mellor intención, son conscientes de que é pouco en relación “co que lles habería que dar”. A cousa agrávase cando son gatos salvaxes, xa que a nova Lei de Benestar Animal 7/2023 considera que non se poden adoptar. Tampouco poden estar en xaulas porque deben soltarse no sitio de onde veñen, que moitas veces “non é o máis seguro para ese felino”. O presidente indica que ese é un tema por resolver “non só da protectora, senón a nivel de todos os refuxios”, xa que eses gatos salvaxes non se poden sacar da súa zona de confort, pero e se non é o mellor sitio, onde se colocan? “É unha materia pendente de solucionar”.
O MOMENTO DA ADOPCIÓN
Durante a visita só había uns 15 gatos no refuxio porque o resto estaban en casas de acollida agardando un fogar definitivo. No que atinxe ás adopcións, influíu negativamente a nova Lei de Benestar Animal? “Penso que foi máis nos cans ca nos gatos, pero aínda non está resolta e xa se asustou á xente. Penso que se a unha persoa lle gustaban os gatos, a Lei non esixe nada novo, máis aló de cousas básicas como o microchip. Non é coma un can, que pode ser de raza perigosa ou máis susceptible de xerar un accidente, xa que os gatos soen ser domésticos e vivir en interior”, expón.
Quen sae da protectora coa adopción dun gato, xa leva todo o necesario. Sobre o prezos, sinala, que neste caso cando se adopta un can cóbrase unha taxa ou donativo de 90 euros para chegar a final de ano, xa que castrar un can custa sobre 90 ou 100 euros, máis desparasitar e documentalo. Esterilizar unha cadela é máis caro, anda nos 140 euros, que sería máis se un vai como particular, pero cóbrase a mesma taxa sexa macho ou femia. “É a nosa forma para chegar a fin de ano, o que non é capaz de pagar, igual mellor que non o leve, xa que logo terá que facer fronte ao gasto mensual de penso, vacinas, veterinario,… no caso dos gatos sería 60 euros con todo”, afirma. Polo xeral, a xente non pon problemas co coste porque vai todo incluído,o que sería microchip, pasaporte, desparasitar e esterilizar.
Chaman atención, unha vez no refuxio, os curiosos nomes que teñen: “É unha forma de que non sexan anónimos, pónselle cando o laceiro ou a laceira vai buscalo, en ocasións, recorremos ao santoral, á rúa na que apareceu,…”. Unha vez chega ao novo fogar pode ter outro nome, pero así xa se lle dota cunha personalidade propia na protectora. Para adoptar ou acoller está toda a información na páxina web e as redes sociais, especialmente Instagram e Facebook, que cobran especial relevancia. “Teñen moito valor, sobre todo en caso de perda, ter pistas para ubicalos, así como para divulgar as súas historias, unhas tristes e outras alegres”, expón.
O TRABALLO
Nesta protectora de Lugo traballan tres persoas nos servizos veterinarios; os laceiros que se dedican, case en exclusiva, á recollida de animais abandonados ou perdidos; e o persoal de limpeza e mantemento das instalacións, que limpan e dan de comer aos animais. “Non é monótono porque recibes o seu cariño, pero moitas veces non resulta o máis agradable, sobre todo porque non entenden de festivos. Festivos e festas de gardar”, comenta e valora moi positivamente o esforzo e cariño de todos os voluntarios que “axudan na socialización”.
Do seu día a día, en especial do laceiro, fai fincapé en que un problema importante que denotan é que cando unha persoa atopa a un animal, non sabe a quen chamar. “O responsable é o concello onde se atopa este animal. Chamas á Garda Civil e dinche que fales co concello, pero é sábado e non hai ninguén, chamas ao 112, igual, ao concello. Moitos dos problemas son de non ter con quen falar, por iso hai que tomar solucións desde a administración”, lamenta e demanda que haxa, igual en cada comarca, un sitio con algo como Protección Civil para ter a onde levar ese animal abandonado.
Alberto Losada reitera que cada concello está na obriga de ter unha protectora para os animais, e que no caso da protectora de Lugo cubre o propio concello e outros sete da provincia cos que ten convenio: Portomarín, Riotorto, A Pastoriza, Castroverde, Begonte, O Corgo e Becerreá. “Chámannos, en ocasión, ata de Asturias ou A Coruña, pero nós só podemos facer os que temos asinados porque os recursos non chegan e os medios non son suficientes”, di e engade que en Lugo hai un servizo “24 horas os 365 días da semana”, mentres ca no resto de concellos sería “de 9h a 17h horas”.
Conclúe chamando á comprensión da xente co tema da nova protectora: “A pesar da desesperación de moita xente que pensa que non estamos sendo áxiles. Dicirlles que, cando chocas coa administración, a finca non é túa, dependes de licencias de obras, cando hai temas políticos polo medio, as cousas non saen como un quere. Penso que estamos no bo camiño e, a ver se nos próximos meses, temos unha solución o máis adecuada posible”. Este xornal púxose en contacto co concello de Lugo para coñecer a súa postura con este tema, sen obter, polo de agora, unha resposta.