InicioSociedadeUn mozo lucense busca estar na final do Campionato do Mundo de...

Un mozo lucense busca estar na final do Campionato do Mundo de Oratoria en Español

Óscar Rodríguez estudou ata fai un ano no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes onde naceu esta paixón

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Esta última semana foi un non parar de revisar a publicación de Instagram para ver o número de ‘likes’, estou segundo, pero moi preto do terceiro e do cuarto, que van recortando distancias”, confesa Óscar Rodríguez de Vivero, un lucense de 19 anos que busca estar entre os catro finalistas do Campionato do Mundo de Oratoria en Español, que se disputa en outubro, en Bos Aires. “A votación pecha o xoves e supón un momento divertido e crítico, polo que toda axuda é ben recibida, só terían que deixar un ‘like’ nesta publicación. Actualmente cursa Estudos Internacionais e Economía na Universidade Carlos III de Madrid e ata o ano pasado estudaba na súa cidade natal, no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, en Lugo. 

Comenta Óscar que dentro do mundo da Oratoria e o Debate de competición existen distintas disciplinas cuxo obxectivo fundamental é ser persuasivo, mesturando elementos de fondo e forma. É dicir, valórase tanto a calidade argumental do que se está a dicir e a forma na que se di cos movementos, xestos… Agora mesmo compite na disciplina de Oratoria, puramente, na que se prioriza a forma sobre o fondo e dispútase de xeito individual. Así, tamén compite no Debate, que é por equipos e prioriza o fondo sobre a forma. 

De onde xorde esta paixón? Conta que foi “pura casualidade”, pero tamén recoñece que lle vén de familia o vínculo coa comunicación, xa que é fillo dun xornalista e dunha profesora e neto dun escritor. En primeiro de Secundaria tivo unha materia de Oratoria que lle gustaba moito, pero non foi ata primeiro de Bacharelato cando se adentrou “por pura casualidade” de cheo na disciplina. Así o relata: “Nese tempo viñeron uns compañeiros doutro centro educativo, no que había moita tradición de debate, coa idea de formar un equipo. Fixéronno e chamáronme, de segunda instancia xa que ían contactar con outro compañeiro que non puido ir. Cando recibín a chamada unínme e fun ao primeiro torneo, gustoume moito, e continuei ata agora, xa na carreira universitaria”. 

O OBXECTIVO: FINAL FOUR NO CAMPIONATO DO MUNDO

Destaca da Oratoria que é unha disciplina “extremadamente útil para desenvolver habilidades” como o pensamento crítico, a capacidade de traballo en equipo ou de persuasión. Reitera Óscar que o obxectivo fundamental é persuadir: “Dannos un tema con pouca antelación e o que temos que tratar de facer é empregar todo o noso coñecemento, capacidade de exposición en favor de ser quen de convencer a nosa postura sobre ese tema a un xurado e ao público”. Ao final considera que son habilidades que van máis aló do mundo da Oratoria de competición e que se poden empregar tanto na vida persoal como no ámbito profesional.  

No seu camiño nesta disciplina foi recoñecido en tres ocasións como o mellor orador de Galicia. Explica que nos seus inicios co instituto foi aos dous grandes torneos galegos coñecidos como Campionatos de Galicia de Debate. “Era a primeira vez que acudía a un torneo, o primeiro da miña vida, vira en vídeos algunha competición previa doutros anos, ía cunha idea aproximada do que tiña que facer, pero o éxito foi mellor do que esperaba”, expón, xa que nesa primeira experiencia recibiu o premio a mellor orador por primeira vez, non sería o último. A partir de aí, interesouse máis e tiña máis ganas de competir, coincidindo cos dous anos en Bacharelato. Desta maneira chegaron os seguintes dous máximos recoñecementos, de xeito consecutivo, nos dous Campionatos de Galicia nos que participou. 

Cando rematou a etapa do instituto, comezou a da universidade e Óscar tiña claro que quería seguir competindo: “Uninme ao club de debate na Carlos III de Madrid, un dos máis antigos e de moita tradición, e comecei a debatir con eles, tamén con moito éxito na categoría da cidade”. Polo de agora, aínda non competiu no Campionato de España, xa que se celebra en setembro, pero colleitou éxito en fases clasificatorias. O feito de acadar certos puntos en xeral durante o circuito nacional, no que compite desde principios de ano, deulle a oportunidade de apuntarse ao Campionato do Mundo. “Fun seleccionado nunha primeira ronda entre 400 participantes e cheguei á ronda actual na que estamos 30 competidores, sendo eu o único galego loirando polo obxectivo de chegar á Final Four”, 

COMO ACADAR O OBXECTIVO? 70% DO XURADO E 30% DO PÚBLICO

O obxectivo actualmente pasa por estar entre os catro finalistas no Campionato do Mundo, que presenta un sistema de competición “un pouco máis complexo e diferente”. Compiten persoas de máis de 20 países e trata de facerse o máximo posible na modalidade online. Nunha primeira fase figuran 400 persoas que se postularon por cumprir cunha serie de requisitos, de aí saen os 75 competidores con máis puntuación durante o ano e recoñecementos. “O seguinte foi obter 30 de todo o mundo, que é a fase actual, elixidos ao 100% polo voto profesional, pero sen coñecer os resultados”, sinala Óscar. Desta maneira, na última e terceira fase, eses puntos do xurado profesional constitúen un 70% e o 30% restante corresponde á votación do público.

Na páxina de Instagram da Liga Española de Debate Universitario están publicados os discursos dos 30 participantes para que os catro oradores con máis número de ‘likes’ na súa publicación accedan á Final Four en Bos Aires. “Consistiu ata agora, en cada fase nun discurso de dous minutos sobre un tema libre que poden escoller. Nesta última fase, discursos de tres minutos, tema non sabemos con antelación, é un discurso argumentativo, a favor ou en contra”, destaca. No seu caso, a proposta trata do impacto do fracaso na vida e sobre como se debe reaccionar ao fracaso. 

No que atinxe á preparación, manifesta que cada orador opta por un estilo, pero que no seu caso non escribe os discursos, senón que ten claras liñas xerais do que quere contar e practica “centos de veces”. Nestas competicións, á excepción deste Campionato do Mundo, hai premios monetarios que poden ir desde os 6.000 euros no Campionato Nacional aos 4.000 no Campionato Galego. “No do Mundo cubrirían a viaxe a Bos Aires, a estancia durante a competición e dous días posteriores, gañas recoñecemento e prestixio. O meu obxectivo cando remate a votación este xoves é estar entre eses catro clasificados que chegarán á capital arxentina”, conclúe Óscar. 

ÚLTIMAS

Ainhoa Arteta inaugura coa súa potente voz e ante un cheo total o novo Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo

Tras oito anos de espera, este venres abriu as súas portas o novo auditorio...

O luns abre o prazo para apuntarse nas actividades da Reserva Terras do Miño

A Deputación de Lugo abrirá o vindeiro luns o prazo para inscribirse nas novas actividades ambientais...

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...