InicioMedioambiente e PatrimonioA directora do museo do Castro de Viladonga: “Obras deste tipo nada...

A directora do museo do Castro de Viladonga: “Obras deste tipo nada tiñan que envexar ao mundo romano”

Elena Varela explica a relevancia dos últimos achados en Viladonga, que reflicten un castro de maior complexidade á anticipada

PUBLICADA O

- Advertisement -

En datas recentes, o equipo de Terra-Arqueos fixo dous descubrimentos accidentais durante os labores de consolidación do Castro de Viladonga. O primeiro amosou a sofistificación do sistema defensivo, mentres que o achado dun alxibe de considerables dimensións demostra a importancia deste asentamento antes da presenza de Roma. A directora do Museo do Castro de Viladonga, Elena Varela, contextualiza estes avances na compresión da cultura castrexa. 

Como evolucionou o proxecto nas últimas campañas?

Dende hai uns anos tentouse facer un proxecto de consolidación de toda a área escavada, porque as estruturas e a muralla estaban en moi mal estado. Todos os anos fanse proxectos nos que, por barrios e áreas, se pretende facer consolidacións. Para iso fanse escavacións e reescavacións.

Este ano foi un ano máis; fíxose un proxecto en dúas áreas, na croa entrando á dereita, toda a parte de terreo próximo á muralla; e nos sistemas defensivos, que ían ser reescavados e reenchidos, porque nos anos oitenta fíxose un corte na muralla para ver como estaba construída.

Que pasou? Cando comezaron os traballos, perfilando nunha zona na que non estaba previsto escavar, empezaron os derrubamentos. E aínda que estaba previsto escavar noutra parte, tiveron que meterse e escavar, descubrindo o alxibe. O mesmo aconteceu no sistema defensivo, xusto cando se ía perfilar e se estaba reescavando, houbo derrubamentos e apareceron os muros e a escada de acceso a algunha estrutura derrubada, e que haberá que seguir escavando. Estase a facer tamén a consolidación das estruturas que estaban na parte dereita da croa; hai partes do proxecto que quedarán este ano sen facer.

A escada do sistema defensivo | Museo do Castro de Viladonga

Con respecto ao alxibe, que diferenzas hai en termos de antigüidade con respecto ao conxunto de Viladonga?

Parece ser que ten máis antigüidade, porque está construído antes da muralla, a muralla constrúese sobre o alxibe. Había indicios de que había unha poboación anterior á chegada de Roma, mais semellaba que non era moi ampla; a aparición do alxibe implica que había máis vida da que se cría, pola súa capacidade. Xa nos anos oitenta se iniciara a escavación nesa parte, aparecendo material anterior á chegada de Roma.

De que época estamos a falar?

Do século II antes de Cristo.

Por que non é habitual atopar este tipo de construción noutros castros?

O que é singular é que normalmente aparecen fóra da croa do castro. En todos os castros terían que ter recollida de auga, o que pasa é que descubriuse de xeito casual, non se escavou pensando que aparecería o alxibe. En toda escavación hai un proxecto en área, e nunca sabes o que atoparás nin en estruturas nin en materiais.

Non estaba previsto, como aparecen outras estruturas e como aparecerá a necrópole, que non aparece. Canda o alxibe apareceu tamén unha estrutura de vivenda e parte dun empedrado, que posiblemente sexa unha calzada.

Detalle do alxibe | Museo do Castro de Viladonga

Estes achados cambian o enfoque no estudo do castro de Viladonga?

Claro, aí está a investigación. Dun ano para outro pode cambiar a cronoloxía, isto baséase na información que temos neste momento; pero se segues a escavar, ata que escaves todo o castro, non podes dicir a historia era así.

Seguindo estes indicios, a complexidade da estrutura defensiva, e a antigüidade do alxibe, desmóntase a concepción da sociedade castrexa como atrasada ata a romanización?

Nunca se considerou que a cultura castrexa fose inferior á cultura de Roma,  estas construcións amosan que non eran tan primitivos; obras deste tipo nada tiñan que envexar ao mundo romano.

Cando rematará a campaña?

As escavacións precisan o estudo de estruturas e materiais, memorias e demais; calculamos que a finais deste mes. Despois, estamos vendo se este proxecto continúa, pero depende do financiamento, depende da Consellería de Cultura. A ver se se amplía para seguir investigando e consolidando.

Dende hai uns anos, a Consellería de Cultura, con fondos FEDER, está facendo importantes investimentos no castro de Viladonga. Todos os anos facemos escavacións gracias á xestión da Consellería e os fondos FEDER.

ÚLTIMAS

Luz verde aos 22 millóns de euros do Plan Deputación 2025

O Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres, no seu Pleno ordinario, as bases...

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...