InicioEconomíaA nova comisaría de Lugo será construída nunha parcela no barrio de...

A nova comisaría de Lugo será construída nunha parcela no barrio de Abella

A alcaldesa da cidade e o delegado do Goberno en Galicia anuncian a cesión do terreo para dar resposta a un "compromiso histórico".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciaron este mércores en Lugo que a nova comisaría da Policía Nacional da cidade será edificada nunha parcela de “algo máis de 2000 metros cadrados” situada no barrio de Abella, na confluencia das rúas Orquídea e Aquilino Igrexa Alvariño.

“Xa non hai volta atrás. Lugo contará cunha nova comisaría da Policía Nacional”, comezou dicindo a rexedora lucense nunha rolda de prensa ofrecida na casa consistorial na que a alcaldesa revelou a localización exacta do novo edificio, que estará situado na zona norte da cidade para cumprir así co “compromiso inquebrantable”, dixo, adquirido no seu momento cos colectivos veciñais.

Unha comisaría “adaptada aos estándares do século XXI”, precisou Alvarellos, que podería ser ampliada mediante a cesión dunha segunda parcela próxima, duns “400 metros cadrados”, para complementar a obra que será posta a disposición do Ministerio “da forma máis áxil” posible para a súa inclusión no Plan de Infraestruturas para a Seguridade do Estado.

UN TRABALLO “A MEDIO PRAZO”

Na rolda de prensa convocada nas instalacións do Concello, na que tamén estiveron presentes o xefe superior de Policía de Galicia, Ramón Gómez Neto; o comisario provincial, Luís Miguel Romeira; e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, cualificou a actuación como a solución a “un compromiso histórico” coa cidade.

“É un reto ambicioso no que non imos escatimar nin esforzos nin recursos”, manifestou Branco, para acto seguido destacar a capacidade do Goberno de Pedro Sánchez para “desbloquear” unha demanda histórica tras “as promesas incumpridas do PP tanto no Goberno central como no Goberno da Xunta de Galicia”.

“Fronte ás falsas promesas e as ideas peregrinas do PP”, incidiu o delegado do Goberno, “Lugo terá unha comisaría para os próximos 100 anos”, proclamou, antes de resaltar o investimento do Executivo central de “45 millóns de euros” en Galicia para mellorar as infraestruturas da Policía Nacional e a Garda Civil na comunidade, e comprometer “a actualización do Plan de Infraestruturas 2019-2025”, para incluír nel a nova comisaría de Abella.

Aínda que se contemplaron ao longo dos últimos meses diversas localizacións para albergar a nova comisaría da Policía Nacional, Pedro Blanco destacou, á mantenta da que resultou finalmente elixida, a súa “óptima” localización nun lugar de “acceso cómodo e fácil” para todos os usuarios e con “comunicacións rápidas”.

Non transcenderon, con todo, nin as cifras do investimento necesario para acometer a obra nin os prazos para a súa execución, tendo en conta que o delegado do Goberno en Galicia limitouse a apuntar que se trata de “un traballo a medio” prazo que contará cun investimento “moi importante”.

ÚLTIMAS

Un veciño de Zamora participa na ruta de 4×4 de Becerreá con matrículas falsas

A Garda Civil investiga a un veciño de Zamora de 37 anos como suposto autor dun...

Interceptado en Lugo un condutor que cuadriplicaba a taxa de alcol permitida e circulaba en sentido contrario

A Policía Local de Lugo interceptou este pasado fin de semana a un condutor que circulaba en...

Candia presenta 50 propostas para incluír nos próximos orzamentos do Concello

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Lugo, Elena Candia, presentou unha batería de 50...

Localizado en Lugo un mozo fuxido dun centro de menores

A Policía Local de Lugo localizou o pasado domingo, día 12 de xaneiro, a...