InicioSociedadeO pleno de Vilalba esquiva a votación sobre retirar o busto de...

O pleno de Vilalba esquiva a votación sobre retirar o busto de Fraga ao converter a moción do BNG en rogo

O goberno de PSOE e Vilalba Aberta aposta por "seguir traballando" nunha comisión de memoria histórica "entre todas as forzas políticas"

PUBLICADA O

- Advertisement -

O pleno municipal de Vilalba esquivou a votación prevista para este xoves sobre a posible retirada do busto de Manuel Fraga da Alameda, unha moción que impulsaba o único concelleiro do BNG pero que se cambiou por un rogo lido durante a sesión.

En concreto, o texto da iniciativa solicitaba o cumprimento da lei de memoria democrática e a eliminación non só da estatua da Alameda, senón tamén do nome do expresidente da Xunta e exministro franquista dunha cidade cultural, entre outras placas e distincións da localidade.

O concelleiro do BNG, Tino Alvite, solicitou “que se faga cumprir a lei, nin máis nin menos”, sen “ningún interese” en particularizar a súa petición “sobre unha placa ou un monumento” concretos. “Que unha xente dun bando teña unha serie de prerrogativas e homenaxes e os outros estean aínda tirados en cunetas sen saber moi ben onde os temos enterrados, non nos parece xusto”, recalcou.

Pero o que ía ser unha moción sobre a cal o resto de grupos –o bipartito de goberno de PSOE e Vilalba Aberta, máis o PP– íanse a ter que pronunciar nunha votación reconverteuse finalmente nun mero rogo. A pesar diso e aínda que non é a habitual, a alcaldesa, a socialista Marta Rouco, deu unha quenda de palabra aos diferentes partidos.

O PP criticou a “teima” do Bloque coa figura de Fraga e defendeu a súa figura como redactor da Constitución na Transición, líder fundador do PP e presidente da Xunta durante 16 anos tras obter “cinco maiorías, catro delas absolutas”. “O respaldo do pobo está a dicir que ese señor é o máis demócrata que hai”, recalcou.

Ademais, o portavoz popular aseverou que o busto da Alameda “non o puxo o Concello nin ningunha administración pública, senón 200 familias de Vilalba coa súa achega económica”, porque Fraga “levou o nome” da súa localidade natal “por todo o mundo”.

Por parte dos dous grupos de goberno (PSOE e Vilalba Aberta), tomou a palabra a alcaldesa para asegurar que o bipartito seguirá “traballando como ata agora”, a través dunha comisión de memoria histórica na que se revisen as “moitas rúas e monumentos” que quedan do Franquismo e na que “entre todas as forzas políticas” no Concello alcáncese “o maior consenso posible”.

No entanto, Marta Rouco instou ao PP a “non facer populismo barato” co busto de Fraga. Así, fixo lectura dunha acta dunha sesión plenaria do Concello de setembro de 1970 que reflicte como a achega popular para o busto de bronce “foi moi baixa” e as arcas municipais tiveron que achegar outras 250.000 pesetas.

Noutra orde de asuntos, o pleno tamén aprobou os orzamentos municipais para 2024, que ascenden a 13,2 millóns de euros. Serán as primeiras contas municipais tras catro anos de prórroga e saíron adiante grazas aos votos a favor do bipartito de PSdeG e Vilalba Aberta, e do BNG; fronte ao ‘non’ do PP.

ÚLTIMAS

Lugo inicia os trámites para abrir o novo comedor escolar de Fingoi II tras o anuncio da Xunta

O tenente de alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación, Iria...

Lugo promocionará en FITUR a súa rede museística coa campaña ‘Lugo é o match’

O Concello de Lugo participará de novo na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que...

Detido un home por un delito de lesións tras unha pelexa na mañá de Aninovo

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a unha persoa como presunta...

O Concello de Lugo recepciona o aparcadoiro da Avenida de Breogán enmendarse as deficiencias

O Concello de Lugo anunciou que finalmente recepcionará o aparcadoiro da Avenida de Breogán,...