InicioOpiniónOPINIÓN: Que é o Catastro e por que é importante (especialmente para...

OPINIÓN: Que é o Catastro e por que é importante (especialmente para o rural)?

Na entrada de hoxe imos falar dun dos grandes descoñecidos dentro da xestión de predios no país: o Catastro Inmobiliario. Intentaremos comentar cales son as súas características principais e, sobre todo, porqué debemos prestarlle máis atención da que adoitamos prestarlle.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Para comezar, diremos que o Catastro Inmobiliario é un rexistro de bens inmóbeis, por obvio que pareza. É dicir, recolle propiedades: solares edificábeis, terreos de monte, edificios, casas, plantacións, alpendres… 

Depende do Ministerio de Facenda, co que un dos seus usos principais é servir de base para o cobro de impostos e taxas. Deste modo, o valor que conste no Catastro (que dende o 1 de xaneiro é o chamado “valor de referencia”), é o que se empregará para o cálculo do Imposto de Bens Inmóbeis (da “urbana” ou “contribución”), da plusvalía, do Imposto de Sucesións… 

É por isto que, cando recibimos o recibo da urbana, veremos “valor catastral” na viñeta ou no recibo do Concello. 

Pero o Catastro tamén ten unha utilidade adicional, pois identifica os predios: a súa superficie, a súa situación xeográfica, o seu uso… Deste modo, a referencia catastral, que é única e obrigatoria para cada terreo, daranos información real do patrimonio dun entorno territorial. 

Porén, un dos puntos que máis dúbida adoita espertar sobre o Catastro é a súa relación con outro rexistro, tamén público, e sobre as funcións de ámbolos dous. Falamos do Rexistro da Propiedade. 

Se a razón de ser do Catastro é a valoración económica a efecto de impostos, así como a descrición física dos predios, a do Rexistro da Propiedade é deixar constancia de quen é propietario/a dos mesmos. Parte da confusión habitual orixínase porque os dous rexistros recollen titularidade, isto é, os dous pódennos dar unha resposta á pregunta “quen é o dono desta finca?”, porén, onde o Catastro só o recolle como indicio, o Rexistro recólleo cun plus de seguridade pois fai proba de a quen pertence o ben. Colocando un exemplo: se un ben ten propiedade diferente en Catastro e Rexistro da Propiedade, ten valor esta segunda fronte á primeira. 

Se ámbolos dous rexistros non coinciden, o problema aparece. Existen procedementos para obter a concordancia, e dende o ano 2015 a coordinación entre eles é a norma xeral, pero seguen a manterse as discrepancias en inmóbeis con transmisións anteriores a esa data. O máis habitual de feito, é que os bens rústicos non aparezan no Rexistro da Propiedade, e se consignen no Catastro a nome de persoas falecidas. 

Esta situación impediríanos, por exemplo, vender o ben con rapidez e garantías (ante Notario), hipotecalo, alugalo… e tamén nos colocaría un problema á hora de recibilo por herdanza; mesmo podería xerarnos problemas con Facenda. É por isto que amañar estas discrepancias é moi relevante, para termos un control sobre os nosos bens, por seguridade xurídica e tamén coa finalidade de obter tranquilidade nas transmisións ou negocios que queiramos realizar no futuro. 

Web do catastro

O CATASTRO, ESPECIALMENTE IMPORTANTE NO RURAL

Dicimos que o Catastro é especialmente relevante no rural pola súa propia finalidade. Coloca datos sobre superficie e lindeiros, por exemplo, e pode facelo coas denominadas “xeoreferencias”, é dicir, coordenadas de situación (similares ao GPS). Isto é, xa non van ser os marcos de pedra os que nos digan onde remata unha finca, senón estas xeoreferencias catastrais. O Catastro podería rematar coas disputas entre lindantes, pola mobilidade dos marcos! 

Tamén é importante manter control sobre os predios a efecto de pago de impostos: se o valor de referencia que o Catastro emprega é incorrecto ou cremos que debe corrixirse, é importante facelo antes de que se emita a liquidación tributaria correspondente. Así mesmo, se o ben segue a nome dunha persoa xa falecida, podemos ter dúbidas ou discrepancias entre herdeiros/as, para saber a quen lle toca pagalo. 

Por último, estar máis atentos/as ao Catastro lévanos a ter maior control sobre as nosas fincas e propiedades: saber cales son, onde están, o que miden e para que poden empregarse. Ter estes datos en firme e garantidos, vainos dar pé a poder negociar con eles, se o queremos, e a darlles usos acorde ás súas características. Ter un control sobre o territorio é unha das ferramentas clave para que o noso rural teña futuro!

MIGUEL VIEITO VILLAR

Miguel Vieito é avogado e está especializado en tres áreas: Dereito e saúde, levando neglixencias e erros médicos, danos en saúde e negación de servizos, entre outros temas; Dereito e discriminacións por razón de idade, de lingua, de orientación ou identidade sexual… e tamén Dereito e relacións familiares intervindo en mediación, herdanzas, separacións ou divorcios; así como xestión patrimonial (Catastro, Rexistro da Propiedade, lindeiros…).

ÚLTIMAS

Obras de rehabilitación en ligazóns da A-6 e A-8 en Begonte provocarán cortes de circulación durante tres semanas

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este xoves, 21 de novembro, as obras...

Un lucense gaña 2,6 millóns co Eurojackpot da ONCE

Un veciño da provincia de Lugo gañou 2,6 millóns de euros co Eurojackpot do...

Detidos en Lugo dous homes e unha muller por tráfico de drogas nas proximidades de colexios

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a dous homes e unha muller como...

O ministro Puente promete que o segundo viaduto do Castro estará listo “antes de final de ano”

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, asegurou este martes no Senado...