O secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé, criticou que a Xunta “non dea explicacións, nin achegue solucións nin alternativas” catro meses despois de que se producise o derrube da estrada LU-651, que une as localidades lucenses de Folgoso do Courel e Quiroga.
Nunha visita á zona afectada, onde se reuniu con representantes institucionais e cargos orgánicos do PSOE na provincia, Tomé sinalou que a estrada, de titularidade autonómica, derrubouse o pasado 20 de marzo e “15 días despois a Xunta dábase unhas semanas para decidir como reconstruíla”, xa que, segundo indican os socialistas nunha nota de prensa, “non podía dar prazos ata ter un estudo geotécnico, pero que, en todo caso, ía estar pechada ao tráfico un ano e medio”.
Así, case catro meses despois deste derrube, o secretario xeral dos socialistas lucenses remarcou que a Xunta “non explicou que estudos fixéronse, nin as causas do sucedido” e, ademais, continuou, “non fixo o desvío provisional, non informou de nada os veciños, nin aos concellos, nin á Deputación e non ten marcada a alternativa definitiva, máis segura e viable”.
Ante esta situación, José Tomé demandou que se abra “xa” o desvío provisional e que a Xunta “se poña a traballar na reconstrución da estrada LU-651”.
“Onde está o PP para pedir á Xunta que actúe canto antes?”, cuestionou. Neste sentido, afirmou que “foi unha pena” que o día que os populares visitaron o viaduto da A-6 non pasasen por Folgoso do Courel para demandar a reparación desta vía.
“DOBRE VARA DE MEDIR” DO PP
Nesta mesma liña, o socialista insistiu en que este caso é “un exemplo claro” de “a dobre vara de medir do PP”. “Fai esixencias que non practica, pedindo todas as présas ao Goberno do Estado no caso do viaduto da A-6 e arrogándose toda a calma para arranxar a súa estrada no Courel, cando a complexidade do problema non ten nin punto de comparación”, criticou Tomé.
Por iso, o socialista emprazou á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a “tomar exemplo” do que, ao seu xuízo, fai o Ministerio de Transportes coa A-6: “reacción inmediata, total transparencia cara á cidadanía, cara aos sectores afectados e cara ao resto de administracións, dando a información dispoñible sobre os estudos e os equipos para determinar as causas, e tamén transparencia e colaboración para decidir os desvíos e as solucións”.
Así mesmo, Tomé censurou que o PP fai coa A-6 “como fixo con Alcoa”, “vai facerse fotos, pero non achega solucións útiles e trata de torpedear a acción do Goberno central”.